Iago Aspas: «Fai catro anos vino pola tele, nin en soños podería pensar que iría a Rusia»

Xosé Ramón Castro
x. r. castro VIGO / LA VOZ

BANCADA DE RÍO

M. MORALEJO / IAGO GARCÍA

Considera a España unha das favoritas para o Mundial e di que se toma cada cita como unha reválida

22 may 2018 . Actualizado ás 23:14 h.

Iago Aspas Juncal (Moaña, 1 de agosto de 1987) cumprirá o soño de ir a un Mundial. O dianteiro sucede 24 anos despois a Xurxo Otero como canteirán do Celta nunha Copa do Mundo. O máximo goleador español confesou (nunha entrevista concedida a finais da semana pasada) que fai catro anos, cando seguía por televisión a cita do Brasil e apenas xogaba no Sevilla, nin se podía imaxinar formar parte dunha lista de 23 dunha selección española á que inclúe no grupo de favoritos. Agora o reto é convencer Lopetegui para facerse co posto de titular coa súa polivalencia como mellor aval.

-Foi a súa mellor tempada a nivel individual?

-Poida que sexa unha deles no plano individual, pero non así no colectivo. É a tempada que máis goles marquei, aínda que o ano pasado xogara máis partidos.

-A convocatoria para o Mundial é a guinda?

-Si, claro.

-Que significa para vostede?

-Un soño cumprido.

-Fai catro anos imaxinábase que podía ser un dos protagonistas da Copa do Mundo do 2018?

-Fai catro anos vino pola tele e nin nos meus mellores soños podería pensar que estaría no próximo, porque fai catro anos estaba no Sevilla e non estaba tendo os minutos que desexaba.

-Sería unha decepción quedarse fóra?

-Podería dicirse decepción porque levo un ano e medio seguido indo á selección e quedar fóra na lista definitiva sería duro e difícil, pero isto é fútbol e hai moitísimos xogadores que poden ir, porque estamos nunha das mellores seleccións do mundo e claro que podería pasar.

-Como se imaxina vivir a cita?

-Con moita ilusión e tensión, porque estás a representar a un país.

-Considera que fixo méritos suficientes?

-É difícil que o diga eu, pero persoalmente creo que fixen o meu traballo. Intentei axudar ao meu equipo cos máximos goles posibles e dando asistencias, aínda que é certo que non logramos o obxectivo ilusionante que tiñamos todos.

-Percibiu presión mediática por que fosen outros dianteiros?

-Isto non é novo, non é algo de hoxe, senón de toda a vida e son cousas que ten o fútbol.

-Pero vostede ha ir gañando adeptos máis aló de Vigo co paso do tempo.

-Cada partido que saio a xogar, xa sexa co meu equipo ou coa selección, é unha reválida, e teño que ir gañándome ese peso xa non só aquí, senón a nivel de España.

-Contento da súa achega cando xogou coa selección?

-Si, especialmente polas boas sensacións que quedaron o último partido (ante Arxentina).

-Vese titular en Rusia ?

-Agora mesmo é difícil sabelo e adiviñar os pensamentos que ten o míster, eu traballo para ser titular e quen ten que tomar a decisión é el.

-Pero parece que lle ten máis en conta como revulsivo.

-De revulsivo nos partidos que me meteu atopeime cómodo, pero igual que cando tiven a oportunidade de facelo de titular.

-Foi nove ante Arxentina e nas demais citas moveuse por toda a fronte de ataque.

-O míster ve bastante versatilidade en min e ponme tanto en banda como de enganche ou de dianteiro, e creo que iso é bo para min.

-Que opcións velle á selección española no Mundial?

-Bastantes, vexo a España no grupo de favoritos porque así o din os números da fase de clasificación e os partidos amigables que disputamos.

-Como cualifica o grupo?

-É un grupo difícil, algo que é normal nun Mundial. Temos un equipo africano moi bo e á campioa do Europa, non vai ser nada doado.

-Detívose a revisar os posibles cruces?

-Comentáronmo, pero primeiro hai que intentar gañar o primeiro partido e logo xa veremos se se pasa e, de pasar, quen nos pode tocar.

-A quen habería que eludir?

-Aos que creo que van chegar ata o final. Brasil, Arxentina, Francia, hai equipos moi, moi bos.

-E España é un deses moi, moi bos?

-Sen dúbida.

-O Mundial poderíalle revalorizar máis?

-Non o sei, se teño minutos e fágoo ben, pode ser.