Empate xusto e decepcionante

Patxi Salinas

BANCADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

05 may 2018 . Actualizado ás 23:00 h.

O empate é un resultado xusto para o que se viu en Balaídos. Ao Celta púxoselle a favor o partido ao principio co gol de Maxi, pero o Deportivo tirou de orgullo e creo que mereceu levar o punto, sobre todo nos últimos quince ou vinte minutos.

O equipo de Unzué tiña todo de cara, xogaba contra un equipo descendido, que xa non se xogaba nada, con futbolistas que na súa maioría non van seguir o ano que vén; os celestes con todo tiñan opcións aínda de Europa League e tiña que notarse esa diferenza. Era un partido que o Celta tería que ter gañado para conservar as súas opcións.

A posesión estivo igualada e, antes do gol do Deportivo, Sergio fixo tamén unha boa parada co pé que evitou o primeiro. Vin o partido igualado en todo momento e creo que o que lle faltou ao equipo vigués e que tería marcado as diferenzas é Iago Aspas. Con el, o que transmite e o que contaxia, os tres puntos quedaron en Balaídos. Aínda sen el, penso que o Celta podería ter aproveitado os espazos que deixaban Lucas e Adrián para haberlles noqueado, podíaselles ter matado nas contras, pero con todo déuselles vida e chegou o mazazo do gol.

Está claro que o Celta perdeu dous puntos como di Unzué. O empate é un resultado horrible, pero a realidade é que tampouco tivo demasiadas ocasións para ter conseguido máis goles. A sensación é de decepción porque antes do partido si pensaba que gañaría o Celta , que era o equipo que realmente o necesitaba. Pero vendo o partido, non o mereceu.