Alexander Mostovoi: «Pasei de querer irme lonxe a sentirme na casa; son un celtista máis»

Míriam Vázquez Fraga VIGO / LA VOZ

BANCADA DE RÍO

A estrela rusa repasa o vivido co Celta 20 anos despois da súa fichaxe

20 jul 2016 . Actualizado á 15:59 h.

«20 anos? É incrible iso!». Así responde Alexander Mostovoi ao saber o tempo que pasou desde a súa fichaxe polo Celta. Fala con cariño do que considera o seu «segundo equipo» e lembra como de querer irse lonxe nos seus primeiros meses, pasou a rexeitar calquera oferta por sentirse xa como na casa. E rebate a idea que del quedou máis aló do talento e a calidade: «O meu non é carácter complicado, é carácter gañador!».

-Verán do 96, ten contrato co Estrasburgo, pero remata en Vigo. Como o lembra?

-Estaba a gusto e quería quedar. Pero os directivos non quixeron mellorar o contrato, apareceron ofertas e déronme un ultimato: ou atopaba equipo nunha semana ou seguía alí. Non sei como, apareceu o Celta. Dixéronme se quería ir á liga española e como estaba un pouco enfadado, dábame igual. Logo falou comigo Félix Carnero e nuns días estaba en Vigo.

-Soáballe de algo o Celta?

-Nada de nada de nada. E iso que cando cheguei fun a un restaurante a Samil e repetíame que aquela praia soábame. Resulta que xogara un torneo en Vigo co Spartak uns cantos anos antes. Pero non o lembraba.

-Os inicios non foron doados. Custoulle adaptarse?

-Non é que a min custáseme. É que agardaba outra cousa. Era unha liga de primeiro nivel e non contaba con non ter campo, cidade deportiva nin auga quente nas duchas. E o equipo non estaba habituado a estar arriba, senón a loitar por non descender. Custounos cambiar esa mentalidade.

-Pensou en marcharse?

-Claro. Durante tres ou catro meses só pensaba en irme lonxe canto antes. Custábame moito ese día a día e os resultados tampouco acompañaban.

-En que momento empeza a sentirse a gusto?

-Ao ano seguinte. Viñeron futbolistas fortes, mentalizámonos para xogar ben e para loitar por outras metas. Falouse de cambiar as instalacións e foise facendo. Empezamos a sentirnos futbolistas. Pasou o tempo e chegábanme ofertas de moitísimos clubs. Pero dicíame: ‘Para que vou cambiar co a gusto que estou no Celta!'.

-Mostovoi sempre destacou naqueles anos. Que outros nomes propios sinalaría como artífices daqueles éxitos?

-Todos son importantes. Xogan once, pero tamén achegan os do banco. Diría a Mazinho, Karpin, Makelele, Djorovic, Míchel Salgado, Giovanella, Juan Sánchez, Patxi Salinas, Gustavo López, Dutruel, Cavallero... Tantísimos! Calquera podería xogar en calquera equipo. Por todos nós o Celta tamén estaba entre os grandes.

-Din ningúns dos seus compañeiros precisamente que Mostovoi non xogou nun grande español, pero a cambio fixo grande ao Celta.

-Non o sei, o que fixen sempre foi dar o 100% no campo, ata quedar morto.

-Cal foi o seu momento máis feliz?

-Creo que do terceiro ano ao último, que foi moi malo porque a directiva non fixo ben as cousas, foron anos moi felices. Por iso quixen quedar tantas tempadas no Celta.

-Algún partido inesquecible?

-En negativo, a final de Copa. Logo, moitísimos. Sempre se lembran os derbis e os partidos contra os grandes. Eran especiais e motivábanme moito.

-Entre 72 goles tamén será imposible elixir...

-Si. Cando me preguntan en Rusia e falo desas cifras non me cren. Levo dez anos retirado e para moita xente queda lonxe.

-Considérase celtista?

-Claro, son un máis. É o meu segundo equipo: Spartak e Celta. Sempre estou pendente dos partidos.

-Como viviu o regreso a Europa tanto tempo despois?

-Con moita alegría. Enviei un par de mensaxes ao Toto para felicitarlle polo seu impresionante traballo e tamén para dicirlle que se acorde de min (risos). Oxalá lle siga indo así de ben.

-Que recordo garda da afección do Celta?

-Despois de pasar tantos anos alí e recibido tanto cariño, para min son os mellores. Fixéronme sentir na casa. Só o primeiro ano, co cristo que montamos en Xixón, berrábanme ‘cabrón'. Pero aos poucos meses dicíanme: ‘Grazas a ti estamos aquí agora'. Son cousas do fútbol. Para min, repito, os mellores.

-Que papel diría que xoga na historia do club?

-Non son eu quen debe valoralo. O que teño que dicir é que estou moi agradecido a todos os que estaban comigo entón e axudáronme.

-E se se pon a facer balance, como resume a súa etapa celeste?

-Do un ao cinco, que é como se puntúa en Rusia no colexio, poríalle un catro. É unha nota moi boa, pero non é un cinco porque nos faltou gañar un título. Quédame a pena de non poder dicir que gañamos isto ou o outro cando a xente me pregunta, pero si que estou moi orgulloso do que conseguimos neses anos tan bos para todos.