Sandra Bullock adopta a unha nena

Efe

XENTE

Laila, de tres anos, súmase á familia da actriz, que xa adoptara no 2010 a un neno chamado Louis

02 dic 2015 . Actualizado á 21:28 h.

A actriz estadounidense Sandra Bullock adoptou a unha nena de tres anos chamada Laila proveniente dun fogar de acollida de Luisiana (Estados Unidos), segundo publicou este mércores a revista People.

A intérprete gañadora dun Óscar por Un soño posible (2009) amplía deste xeito a súa familia, posto que no 2010 xa adoptara a un neno chamado Louis. Na portada da revista, pódese ver a Bullock con Laila de costas e nos seus brazos, mentres que o seu fillo Louis aparece abrazado por detrás á súa nai.

«Cando miro a Laila non teño dúbidas de que ela estaba destinada a estar aquí», afirmou Bullock, quen agarda que o seu exemplo ilumine o camiño dos máis de 400.000 nenos que se atopan actualmente en fogares de acollida nos Estados Unidos.

Bullock afirmou que «os nenos perfectos» chegaron a ela «no momento perfecto», e explicou que os primeiros pasos dun proceso de adopción requiren paciencia. «Souben que estaba asustada», dixo a actriz en referencia á súa filla, ao explicar que o único que quería para Laila é que coñecese tanto a Louis como a ela para que quedase con eles.

A actriz, que no 2015 protagonizou a película Expertos en Crise onda Billy Bob Thornton, definiu á súa familia con adxectivos como «diversa», «cariñosa» ou «comprensiva», e asegurou que Laila trouxo ao seu fogar purpurina e cores rosas para mesturarse con xoguetes de Lego e de Batman.