O PPdeG di que Rueda e o partido manteñen a mesma postura que o rei sobre Gaza

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Lavandeira jr | EFE

O portavoz popular, Alberto Pazos, evita en rolda de prensa pronunciar a palabra «xenocidio»

25 sep 2025 . Actualizado á 16:57 h.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, dixo este xoves non estar sorprendido por que o presidente da Xunta e líder do partido, Alfonso Rueda, pronunciase o mércores a palabra «xenocidio» no pleno do Parlamento, aínda que el mesmo seguiu sen admitir esta denominación ante o «masacre» de miles de civís en Gaza.

Nunha rolda de prensa na Cámara galega, argumentou que coñece «a intrahistoria» desta cuestión e lembrou que o PPdeG participou no minuto de silencio proposto polo PSdeG «polas vítimas inocentes do xenocidio na Franxa de Gaza e Cisxordania» para non permitir que un «debate sobre nomenclaturas» impida mostrar a súa solidariedade «con xente que o está a pasar francamente mal».

Por iso, ao ser preguntado se o PPdeG condena o xenocidio, limitouse a repetir que o único que fixo o partido no pleno foi mostrar, por boca do seu presidente, a súa solidariedade con estas persoas «independentemente da cualificación xurídica que se lle queira dar a ese feito» e «sen máis condicionantes», para que non quede «ningunha dúbida».

Pazos, que evitou en toda a súa comparecencia pronunciar a palabra xenocidio, cargou contra BNG e PSdeG por «negarse a que ese minuto de silencio se estenda ás vítimas do terrorismo de Hamás» e acusounos de querer utilizar o «masacre» en Gaza para «confrontar». En canto á postura da Xunta e do PP, defendeu que «están exactamente no mesmo lugar que o rei de España e a inmensa maioría dos países europeos», e considerou que «non hai moitas dúbidas ao respecto, salvo que haxa interese en crear unha polémica que non existe».

Para o portavoz popular, «é moi triste que se intente utilizar unha auténtica masacre e unha situación humanitaria xa insostible para tentar confrontar aos españois», cando toda a poboación está de acordo en que «hai que reverter a situación en Gaza», declarar un cesamento do fogo, permitir a chegada de axuda humanitaria e «pedirlle un cambio de rumbo» ao Goberno de Israel. «Ata aí chega o acordo», puntualizou, polo que estimou que todo o demais «non son máis que polémicas interesadas».

Rueda admitiu onte que no seu partido eran «perfectamente conscientes» de que o minuto de silencio que compartiron no pleno «condenaba o xenocidio en Gaza», o que supuxo a primeira vez que o presidente da Xunta empregou esta palabra en público en relación con Palestina, algo que o PP rexeitou facer a nivel nacional.

Posteriormente, o PPdeG rexeitou unha iniciativa do BNG para condenar expresamente este xenocidio, ao argumentar que non comparte esa «denominación xurídica» e referiuse á situación en Gaza como «barbarie», «masacre» ou «atrocidades».