
O conselleiro de Cultura, José López Campos, considéraos «chaves» para o «enorme potencial» que supón a chegada de poboación de fóra de Galicia
17 sep 2025 . Actualizado á 22:24 h.O obxectivo da Xunta é ofrecer cara o final de ano máis dun centenar de cursos de lingua e cultura galega nos que participen polo menos 1.500 persoas procedentes de fóra de Galicia. Así o asegurou este martes o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que tamén destacou como o Goberno autonómico está «a cumprir coa palabra dada» en relación a esta iniciativa.
Actualmente, xa se ofrecen en 28 municipios que forman parte da Rede de Dinamización da Lingua. Neles, as clases comezarán esta mesma semana, segundo indicou o conselleiro, «co obxectivo de que, de aquí a final de ano, estean todos impartidos». Levaranse a cabo nos concellos coruñeses de Abegondo, Ames, Arzúa, Boiro, A Coruña, Ferrol, Melide, Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia, Trazo, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Ribeira e Teo. Así coma nos pontevedreses de Baiona, A Estrada, Ponteareas e Redondela; e tamén nos ourensáns de Barbadás, O Barco de Valdeorras e O Carballiño.
O conselleiro recordou que esta iniciativa é unha das 50 para as que se comprometeu o Executivo galego para este curso político para «impulsar un maior emprego da nosa lingua en distintos ámbitos e en todos os contextos da sociedade». López Campos fixo estas declaracións acompañado do secretario xeral da Lingua, Valentín García, na inauguración da xornada preparatoria dos técnicos que impartirán a formación.
Colaboracións con Cáritas e Cruz Vermella
Ademais, a estes cursos de titularidade pública súmanse os 46 que a Xunta ofrece en colaboración con Cáritas dende xuño e os 25 que se ofertan a través de Cruz Vermella, ademais de outras clases de galego especializado para persoal sanitario. Todos eles son presenciais, coa finalidade de «acercar a nosa lingua e cultura», detallou López Campos.
O titular de Cultura considera que estes cursos son «chaves» dentro dun contexto no que Galicia recibiu dende fóra da comunidade a 115.000 persoas nos últimos cinco anos. «Prestixiar e atraer á xente cara o noso idioma, especialmente á proveniente do exterior», destacou, incidindo no «enorme potencial» que supón a inmigración para a comunidade.
Entre o resto de medidas inmediatas establecidas pola Xunta están outras de formación específica sobre a lingua a colectivos profesionais, como o da xustiza, ou o impulso da redacción de documentos públicos en galego. Tamén distintas iniciativas para o favorecemento do neofalantismo e de colaboracións con entidades comerciais do ámbito da ensinanza para dinamizar o seu uso.