Monforte acollerá o primeiro centro específico para menores estranxeiros en Galicia
GALICIA

O edificio, que será cedido temporalmente pola entidade social Prodeme, disporá de 80 prazas para estes adolescentes
13 sep 2025 . Actualizado á 13:39 h.O edificio residencial Francisco Suárez, xestionado pola entidade social Prodeme en Monforte de Lemos, albergará o primeiro centro específico para menores estranxeiros que se abrirá en Galicia. Anunciouno este sábado a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que lembra que a medida é unha «obriga á Xunta» desde o Goberno central, que destinará á comunidade 317 menores migrantes para os que a rede de acollemento autonómica, insiste o Executivo galego, non ten xa capacidade. O centro de Monforte será cedido temporalmente pola entidade e disporá de 80 prazas, polo que a Xunta aínda analiza se necesitará novas localizacións para acoller aos 237 mozos restantes.
Durante a súa visita ao centro, García estivo acompañada polo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e polo xerente de Prodeme, Julio Cortiñas. A conselleira agradeceu a colaboración da entidade e lamentou que a decisión do Executivo estatal implique a modificación do modelo autonómico de atención á infancia. «Obriga á Xunta a facer o que non quería, crear centros específicos para menores estranxeiros», afirmou, subliñando que esta medida altera o sistema de protección que Galicia veu desenvolvendo nos últimos anos.
A titular de Política Social reiterou que o traslado destes menores non vén acompañado de financiamento por parte do Estado. Segundo os cálculos do Goberno galego, atender a todos os adolescentes implicados podería supor un custo adicional de ata 30 millóns de euros anuais. Así, insistiu en que «estas son as primeiras 80 prazas específicas que a Xunta se ve obrigada a crear», e engadiu que o Executivo autonómico segue buscando novas localizacións, para o que solicitou a colaboración doutras administracións.
O número de expedientes de adolescentes que forman parte do grupo de 317 que o Goberno central pretende trasladar a Galicia ascende xa a seis. A esta cifra súmanse os 15 menores estranxeiros solicitantes de asilo que, por orde do Tribunal Supremo, deben ser acollidos polo Estado e que, segundo coñeceu a Xunta o mércores, tamén serán derivados á comunidade galega. García reiterou que a Xunta continuará recorrendo esta repartición ante os tribunais, como xa fixo ante o Tribunal Constitucional onda outras dez comunidades autónomas de distinto signo político. «Rompe definitivamente o sistema de protección integrador de Galicia», denunciou, e advertiu que esta imposición obriga ao Goberno galego a abandonar o modelo que leva anos impulsando.
Prodeme atópalle por fin uso a un edificio no que investiu tres millóns de euros no 2010
O primeiro centro específico de Galicia para menores estranxeiros estará nun edificio construído hai 15 anos por Prodeme, unha das asociacións máis veteranas entre as que traballan en Galicia pola integración social e laboral das persoas con discapacidades psíquicas.
En Prodeme ideárono no seu momento como unha proposta pioneira en Galicia, pero non co fin que finamente vai ter. O obxectivo inicial era transformalo na que sería a primeira residencia compartida, na que as persoas con discapacidade puidesen vivir en pisos coas súas familias, pero con servizos, como o de cociña e o de lavandería, comúns para todos.
A construción do edificio empezou no 2010 e no 2013 a asociación conseguiu licenza administrativa para abrilo, pero en todos estes anos Prodeme non foi capaz de conseguir un acordo coa Xunta para axudar a financiar o custo deste servizo. Houbo varias ocasións nas que pareceu estar a punto, pero ao final o asunto nunca se chegaba a concretar.
O acordo coa Xunta para o centro de menores estranxeiros aínda hai que concretalo, aínda que en Prodeme din estar convencidos de que esta vez non haberá problema.
Con esta proposta da Xunta, a asociación conseguen por fin darlle un uso a un edificio no que investiron tres millóns de euros do 2010. O edificio chámase Francisco Suárez, como o avogado monfortino que foi o primeiro presidente de Prodeme. Tres millóns é especificamente o que custou construílo, porque o terreo lles saíu gratis. Foi unha doazón de Francisco Suárez.
O edificio en cuestión é un bloque de cinco plantas que se atopa na rúa Eduardo Blanco Amor e na periferia do Malvarón, un barrio que xa en si mesmo está nos arredores do centro urbano de Monforte e no que hai dous grupos de vivendas sociais.
As máis antigas foron construídas durante o franquismo e acabaron por facer que o barrio fose coñecido tamén en Monforte como a zona das casas baratas.