Pontón pedirá a dimisión de Rueda no Parlamento pola súa «incompetencia» fronte aos incendios
GALICIA

«Galicia arde polas políticas fracasadas do PP», criticou o portavoz nacional do BNG
08 sep 2025 . Actualizado á 18:26 h.Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, anunciou este luns que pedirá a dimisión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta na próxima sesión no Parlamento de Galicia, celebrada o martes. Solicitaraa con motivo da presunta «neglixencia» do seu Goberno durante a vaga de incendios, que, segundo os datos publicados por Copernicus o venres, calcinaron 143.628 hectáreas dos montes galegos en agosto. «Cremos que o máximo responsable é o presidente, o señor Rueda, e por iso reiteramos que debe dimitir», clamou.
A líder do Bloque exclamou que «Galicia arde polas políticas fracasadas do PP» e pola «incompetencia» da Xunta. Desta forma, reclamou que Rueda «debe asumir responsabilidades» polo abandono do medio rural e os atrasos nas actuacións contraincendios, «aínda sabendo que isto podía pasar».
Pontón reiterou a súa desconfianza con Rueda para protexer o territorio, asegurando que, agora, o presidente «quere ocultar a súa neglixencia con propaganda, manipulación e botando balóns fóra» e que «é evidente que, se non aprenderon en 16 anos, non aprenderán agora». Ademais, avanzou que o BNG presentará un plan de medidas que pretenden que sirva como base dun «gran acordo de país» para o desenvolvemento dun novo modelo forestal.
Desta forma, a política galega considera que o sucedido este verán debe ser «un punto de inflexión» para «cambiar o rumbo» das políticas forestais. «Non pode ser que ardan 100.000 hectáreas, unha parte tan importante do noso país, e que o Goberno galego continúe ca súa rutina de propaganda, da mentira», concluíu.
Solicitude dun sistema aeroportuario que potencie Peinador
A maiores, o BNG tamén solicitou o desenvolvemento dun novo modelo aeroportuario para Galicia que potencie Peinador. A formación asegurou que se debe realizar unha planificación «sensata e coordinada» tras a marcha de Ryanair do mapa aéreo galego e que a terminal de Vigo debe ser «referente» na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
«É prexudicial para o interese público que un servizo desta importancia dependa dos intereses de lucro de empresas como Ryanair», explicou o deputado do Bloque Paulo Ríos. Desta forma, o responsable comarcal do BNG no Morrazo instou á Xunta a tomar a iniciativa e valorar alternativas para o futuro aeroportuario de Galicia, en colaboración dos concellos e do Goberno nacional.