Aprobado o proxecto da lei do clima, que permitirá á Xunta asumir as competencias meteorolóxicas

GALICIA

O texto prevé acadar a «neutralidade climática» no 2040 e incluirá incentivos fiscais por reducir emisións e criterios ambientais nos contratos públicos
08 sep 2025 . Actualizado á 17:27 h.A Xunta aprobou o proxecto da primeira lei do clima, que sentará as bases para que Galicia asuma as competencias de alertas meteorolóxicas. O texto introducirá criterios ambientais na contratación pública e regulará incentivos fiscais para a redución de emisións. O seu obxectivo global é que a comunidade acade a neutralidade climática no 2040, «dez anos antes» dos previsto pola Unión Europea, explicou Alfonso Rueda.
O presidente estivo acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen detallou distintos instrumentos previstos na lei, como os plans de acción local polo clima, que serán obrigatorios para os concellos de máis de 20.000 veciños.
O texto tamén prevé cambios na fiscalidade e a introdución de «cláusulas climáticas» nos contratos públicos. A previsión é que esas regulacións estean listas nun ano.
Vázquez destacou ademais a importancia do servizo autonómico Meteogalicia para a detección anticipada de ondas de calor, inundacións e outros fenómenos adversos. Por iso é polo que a lei sente as bases para equiparar as súas previsións ás de Aemet.
A Xunta reclama desde hai tempo as competencias sobre alertas meteorolóxicas. Reforzou esas peticións despois da Dana de Valencia. O seu obxectivo é «optimizar» as alertas e de Meteogalicia e aproveitar os datos que xera ese servizo.
Preguntada sobre a posibilidade de reclamar esas competencias, Vázquez sinalou que o obxectivo da Xunta é fixar o marco que permita o seu traspaso á comunidade, como xa se fixo no seu día coa lei do litoral e a xestión da costa.
«Aquí [na lei] regulamos o que entendemos que é noso e, a partir de aí, cuando estea aprobada a ley e, como é lóxico e avanzou o presidente no seu día, pediremos o traspaso do personal e os servizos relacionados con Aemet».