As brigadas de reforzo de incendios forestais participarán no inverno en labores preventivos
GALICIA

Os membros das BRIF pasarán de ser «persoal eventual estacional, a fixo os 365 días do ano», segundo a ministra de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen
20 ago 2025 . Actualizado á 12:07 h.As brigadas de reforzo de incendios forestais (BRIF) pasarán de ser «persoal eventual estacional, a fixo os 365 días do ano», declarou a ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Sara Aagesen. Así se extrae do acordo de modificación do convenio colectivo da Empresa de Transformación Agraria (Tragsa), publicado este mércores no Boletín Oficial do Estado (BOE). Desta forma, estas unidades especializadas na loita contra os incendios comezarán a participar en labores preventivos durante o inverno.
Esta actualización do convenio, na liña da Lei Básica de Bombeiros Forestais, «mellora considerablemente as condicións laborais e salariais das brigadas de reforzo en incendios forestais, que foi negociado cos interlocutores sociais», segundo afirmaron desde o Goberno. Entre a medidas acordadas, están o incremento dos salarios, tanto o base como a remuneración das horas extraordinarias, ou a ampliación e a mellora da organización das xornadas laborais, os descansos e a dispoñibilidade. Ademais, detalla como se regulará a mobilización dos axentes en caso de vendavais, nevadas, inundacións ou procuras de desaparecidos. «Unha novidade que ata o de agora non estaba contemplada no convenio vixente», segundo o Executivo.
Sara Aagesen valorou positivamente a reforma por supor «algo tan importante como pasar de ser considerados peóns forestais a ser bombeiros forestais». Engadiu, en declaracións a Europa Press, que «isto permite a súa profesionalización, algo esencial ante os incendios que se están vendo, á vez que lles permite ter unha formación regrada e con protocolos para a saúde, a seguridade na extinción e un reforzo nas condicións de traballo nas súas bases».
A ministra valorou que non deberían existir «bombeiros de primeira e de segundo», polo que considera que é «un momento clave para definir que todos e cada un deles teñan as mellores condicións. Condicións dignas, tendo en conta o labor que están a exercer cada día, non só agora que hai que afrontar unha emerxencia, senón tamén en materia de prevención». E é que, para ela, «eses 365 días do ano son importantes cando falamos de incendios, non só cando ocorren».