A vaga de incendios avanza sen tregua en Galicia e arrasa xa preto de 60.000 hectáreas

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Efectos del incendio forestal de Carballeda de Avia
Efectos do incendio forestal de Carballeda de Avia Santi M. Amil

A superficie calcinada polo lume en Valdeorras hase duplicado en 12 horas, ata as 12.000 hectáreas, aínda que se conseguiu extinguir o que afectaba o municipio pontevedrés de Dozón; a conexión de AVE entre Madrid e Galicia manterase suspendida polo menos ata as 9.30 horas deste luns

17 ago 2025 . Actualizado á 22:40 h.

A vaga de incendios segue sen dar tregua e Galicia acadou este domingo unha cifra sen precedentes. Segundo os últimos datos da Consellería do Medio Rural, achégase xa á barreira das 60.000 hectáreas queimadas. O maior salto deuno durante a tarde do domingo o lume na comarca de Valdeorras, onde o foco declarado o mércores en Larouco é o que presenta a peor evolución dos doce que hai activos en toda a comunidade a tal hora. Arrasou 12.000 hectáreas, duplicándose con respecto á mañá, e as súas chamas entraron xa á veciña provincia de Lugo, polo municipio de Quiroga. Afecta ao Courel, unha zona de importante valor ambiental. Este sábado, varias decenas de veciños foron confinados a causa dese incendio nos concellos de Petín e A Rúa. Nas últimas horas, regresaron tamén á residencia da terceira idade da Rúa 110 anciáns que foran desaloxados. En cambio, este domingo lográronse extinguir os lumes en Dozón e na parroquia de Souto, na Estrada.

Pero a zona máis afectada continúa sendo Chandrexa de Queixa. O que xa é o maior incendio da historia de Galicia —tras fundirse tres focos nun— acadou á primeira hora as 17.500 hectáreas queimadas. Alí, o lume avanza sen control desde hai días, pero a súa evolución parece dar un certo alivio. As chamas avanzaron 500 hectáreas durante a noite, un crecemento menor do que rexistraban as actualizacións de días anteriores. Esta mañá, regresaban á residencia de Chandrexa os 25 grandes dependentes que foron evacuados o mércores. Na Mezquita, os medios de extinción afanáronse durante as últimas horas para frear un lume que xa se levou por diante 10.000. E conseguiuse estabilizar o incendio de Agolada, tras arrasar 400 hectáreas.

O outro foco de preocupación este sábado alumouse sobre a comarca do Ribeiro. O incendio de Carballeda de Avia, que espertou o venres o medo da poboación a que se repetisen os lumes que causaron a morte a un veciño no 2017, acadou as 2.500 hectáreas calcinadas. Son 1.200 máis que na última actualización do sábado. Durante a noite continuaron activos, pero sen avanzar en terreo calcinado, os focos de Oímbra e Maceda, con 12.000 e 3.000 hectáreas arrasadas, respectivamente, nas últimas xornadas. 

Tamén permanecen activos os tres focos declarados en Vilardevós (Vilar de Cervos, Moialde e Fumaces), con 1.500 hectáreas queimadas en total. 28 usuarios do fogar residencia da localidade foron confinados esta mañá e suspendeuse a actividade do centro de día ata novo aviso. Entre os lumes activos tamén constan o de Vilarello, en Cervantes, con 150; o de Gudín, en Xinzo de Limia; e o de Beade, con 100 hectáreas calcinadas. O último incendio activo que consta na actualización de Medio Rural declarouse esta mañá no concello de San Cibrao das Viñas, veciño á cidade de Ourense, onde o lume arrasou outras 60 hectáreas.

Estabilizados quedaron, en cambio, o lume de Cervantes (150 hectáreas) e o que arrasou 60 hectáreas na parroquia de Chave, no Saviñao, ademais mantense na mesma situación o de Muxía (23 hectáreas) e o de Paredes, en Montederramo (120 hectáreas). Estes incendios evolucionan dentro das liñas de control establecidas polos servizos de extinción. A boa noticia da mañá chegou desde Toques, onde o incendio que tamén afectou o venres á veciña Melide, quedou controlado, tras afectar a 320 hectáreas, do mesmo xeito que o de Monteseiro, na Fonsagrada, desde o pasado domingo, e o de Mourazos, en Verín, desde o martes.

O tren segue cortado

O domingo permaneceu cortada a liña de alta velocidade entre Madrid e Galicia e así seguirá polo menos ata as 9.30 horas deste luns, cando Renfe volverá examinar a situación, segundo confirmou a propia compaña. Aínda a últimas horas do domingo continúan cortados os tramos da rede convencional entre Zamora e A Coruña e entre Ponferrada e Monforte.

A operadora pública volverá fretar este luns trens especiais entre Zamora e a capital española,do mesmo xeito que fixo este domingo. Centos de viaxeiros tiveron que buscar alternativas nas empresas de autocares, nas aeroliñas e nas casas de alugueiro de vehículos. Está tamén cortado o eixo atlántico entre Vilagarcía e Pontecesures, debido a un incendio en Catoira.

Nas estradas, as incidencias que presentan os mapas e cámaras da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) foron evolucionando ao longo do día. Os accesos á A-52 en Vilardevós reabriron tras pecharse esta mañá, co obxectivo de facilitar os traballos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) no incendio que arrasa a zona. En cambio, interrompeuse durante a tarde a circulación da vía á altura de Ribadavia (quilómetro 252) e á de Melón (quilómetro 262). Esta última reabriuse pasadas as 9 da noite, pero só en sentido a Benavente. En Ourense, tamén hai cortes na OU-121, en Vales, e na OU-1020, na Pedrosa, ademais de na N-120 luguesa, por San Martiño de Alvaredos.