O BNG acusa á Xunta de ser «desleal» cos concellos por bloquear a declaración de zonas tensionadas

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Xoán Carlos Gil

A deputada Alexandra Fernández denuncia que o Goberno galego «bloquea as solucións» que expoñen os concellos

29 jul 2025 . Actualizado á 17:23 h.

A deputada do BNG Alexandra Fernández acusou este martes á Xunta de ser «desleal» cos concellos ao intentar bloquear a declaración de zonas tensionadas a pesar de que os municipios cumpran os requisitos, acusou.

Nun audio remitido aos medios, Fernández pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que «deixe de poñer paus nas rodas aos concellos que están tomando medidas para limitar os prezos da vivenda no mercado libre». Ademais, insistiu en que coas decisións que adopta a Xunta non se boicotea aos concellos, senón á cidadanía.

Desde o BNG reprochan que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) frease a declaración en Santiago, cidade gobernada pola nacionalista Goretti Sanmartín, mediante un requirimento no que se lle pedía que reformulase a súa petición para ser declarada como zona tensionada e ao que o concello respondeu esta semana. A deputada considerou que o requirimento enviado pola Xunta «está cargado de incoherencias, con valoracións subxectivas, que o único que intentan é, dunha forma burda, atacar un informe realizado» por expertos na materia.

Ademais, acusou á Xunta de ser «parte activa do problema da vivenda» ao pór trabas aos concellos. Ante iso, Fernández reclamou ao Goberno galego que «asuma as súas competencias» e apoie as decisións dos concellos. «A actuación en Santiago é unha decisión política que ten unha clara intención, que é bloquear as solucións, e levar o problema da vivenda a unha oposición absolutamente desleal, ao máis puro estilo do Partido Popular», condenou.