O cambio dos topónimos abre o debate nos concellos: «Temos que ver que opinan os veciños»
GALICIA

Están á espera de que a Xunta oficialice os novos nomes
22 jul 2025 . Actualizado á 12:07 h.Con desconformidade ou abertos ao cambio, os concellos responden á proposta da Xunta e da Real Academia Galega de actualizar o Nomenclátor de Galicia, no que se modificarían algo máis de 2.500 nomes de municipios, parroquias e lugares. Neste rexistro oficial de topónimos, A Cañiza pasaría a chamarse A Caniza e Castro Caldelas e Porto do Son gañarían un artigo e preposición para ser O Castro de Caldelas e O Porto do Son. De oficializarse a proposta, tamén cambiará a denominación doutros nove municipios: O Riós, O Campo Lameiro, A Ribeira de Piquín, Pastoriza, Alfoz de Castro de Ouro, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, Cangas de Morrazo e Oza Cesuras. O debate comeza nas rúas á espera de que o Consello da Xunta aprobe os cambios.
A alcaldesa de Castro Caldelas, a socialista Sara Inés Vega, non ve mal esta actualización e afirma que é un nome que xa se escoitaba: «Aquí coloquialmente xa se utiliza O Castro, e ás veces tamén O Castro de Caldelas. Hai xa bastantes anos unha persoa recollera documentación para avalar o nome de O Castro de Caldelas, e historicamente sae así». Cangas do Morrazo tamén está aberta ao cambio, confiando no criterio dos filólogos. A súa rexedora (Araceli Gestido, BNG) pedirá acceder ao expediente para entendelo.
Pola contra, o alcalde de Porto do Son, o popular Luis Oujo, móstrase remiso ao cambio: «Non sei por que queren cambialo. Non estou de acordo». Subliña que o nome do concello «nunca foi motivo de conflito» e non descarta a posibilidade de presentar algún escrito para evitar a actualización. Un veciño que traballa no mar, Antonio Pérez, tamén coincide en que «mellor sería deixalo como está». Lembra que, sendo pequeno, escoitaba as súas avoas explicar que o nome da vila era O Porto do Çon porque na entrada do porto había unha pedra á que lle chamaban Çon. A pronunciación fixo que co tempo acabara dicíndose Son. Esa pedra segue existindo, só que agora cambiou de nome a Can.
En Campo Lameiro, ao que a proposta engade un artigo, o rexedor Carlos Costa (PPdeG) avanzou que alegará contra a proposta de mudar o nome do concello: «Sempre dicimos ‘‘imos ao Campo'', pero non ‘‘imos ao Campo Lameiro''».
A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, prefire esperar a recibir a comunicación de maneira oficial por parte da Comisión de Toponimia antes de pronunciarse sobre o cambio de nome do concello, que pasaría a chamarse Alfoz de Castro de Ouro. «Temos que analizalo, ver as vantaxes e os inconvenientes e sobre todo saber tamén que opinan os veciños, que é o máis importante», di. A rexedora lembra que xa existía unha versión en castelán que denominaba a Alfoz como Alfoz de Castrodouro.