Arrincan as oposicións para vinte mil aspirantes a profesor: «Somos moitos, pero os que veñen realmente preparados non son tantos»

GALICIA












Dezaseis concellos acollen este sábado as probas selectivas de educación, tras as que a porcentaxe de interinidade baixará do 5%
22 jun 2025 . Actualizado á 16:00 h.A maquinaria das oposicións de educación ponse hoxe a proba: 20.520 opositores, 1.664 prazas, 183 tribunais, probas en dezaseis concellos e uns dous mil docentes implicados nos 183 tribunais que xulgarán aos futuros profesores do ensino público. Primerizos, veteranos, uns con máis nervios e outros coa calma que dá saber ter un posto consolidado como interino. No IES Lamas de Abade, en Santiago, examínanse 448 opositores ao corpo de mestres, en concreto de educación primaria. Tamén a este centro acudiu o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para saudar aos membros dos tribunais (4 neste centro) e comprobar o inicio do proceso selectivo. Un proceso que deixará a taxa de interinidade estrutural en menos dun 5%, «o 1 de setembro deste ano quedará nun 4,6 ou nun 4,7 %», explicaba o director xeral de centros, Jesús Álvarez. É dicir, que de cada cen prazas de educación, 95 teñen nome e apelido.
«Queremos seguir mantendo un dos cadros más estables dentro do sistema público, porque é positivo para a persoa individual pero tamén para os centros, xa que permite desenvolver proxectos e traballos con máis estabilidade e por conseguinte con máis calidade e maior rendemento», apuntou o conselleiro antes do comezo dos exames. Desde o 2009 renováronse dous terzos do persoal de profesorado na comunidade.
Ás portas do instituto concentrábanse quen acudía con máis nervios, a maioría, e quen mostraba máis tranquilidade. Uxía Gandarela, de Noia, forma parte deste último grupo, «é a sexta vez que me presento e xa consolidei na primeira, eu penso que os que veñen agora téñeno máis difícil porque hai moito interino consolidado».
No entanto, os mozos veñen pisando forte e moi preparados. Martina Maroñas tamén é de Noia e Xoel López de Ribeira. Teñen 23 anos e remataron a carreira na UDC no 2024. Desde entón prepáranse para este momento. Durante os primeiros meses eran poucas horas de estudo pero nos últimos o ritmo chegaba ás oito horas diarias. Recibiron moitos consellos estes días, sobre todo apelando á tranquilidade, «ao final levamos moito tempo preparándoo e son cousas que nos soan», di Martina. E por moitos opositores que haxa, engade Xoel, non todos teñen o mesmo nivel de preparación, «somos moitos pero os que están verdadeiramente preparados tampouco son tantísimos así que non hai que asustarse. Dos meus amigos a maioría veñen firmar». E se conseguen a praza á primeira? «Ogallá», suspira Xoel. «Pois a descansar e a disfrutalo que o merecemos», conclúe Martina.

A maioría elixiu esta carreira por vocación. Alexandra Gambino, da Estrada, teno claro, «gústanme os nenos, gústame ensinar e estar con eles, ao final é un esforzo que fas pola túa vocación». No seu caso é a segunda vez que se presenta e, admite, o caso práctico é o que máis a inqueda.
O 1 de agosto, resolvido
Segundo a Consellería de Educación o próximo 1 de agosto os opositores que conseguisen unha praza saberán xa cal é o seu destino, ao que se incorporarán o 1 de setembro. Hai 1.664 postos aínda que 230 son de promoción interna, para o acceso desde o corpo de mestres ao de profesores de secundaria. Outros 10 son para inspectores —examinábanse a uns metros, no CIFP Compostela—, e 1.424 de acceso libre. En secundaria hai 918 prazas, 426 para mestres e 80 de especialistas en sectores singulares de FP.