Os fillos de Elisa Abruñedo declaran no xuízo polo crime de Cabanas: «Estiven 24 horas buscándoa desesperado polo monte, sen durmir»

Bea Abelairas
Bea Abelairas A CORUÑA / LA VOZ

GALICIA

La Voz

Testifican dous veciños que escoitaron os berros de auxilio de Elisa: «Unha muller berrou: ''Déixame en paz'' e despois un home replicou: ''Quieta, quieta''»

17 jun 2025 . Actualizado á 13:13 h.

A segunda sesión do xuízo do crime de Cabanas comezou este martes na Audiencia Provincial da Coruña coa declaración do fillo maior de Elisa Abruñedo. «Estiven 24 horas buscándoa desesperado coa bici polo monte, sen durmir», afirmou Adrián sobre o día que desapareceu a súa nai, cando el tiña 23 anos. «Era a mellor nai», lembrou, o que confirmou despois na súa declaración o seu irmán Álvaro, que entón tiña 18 anos e empezara a estudar Arquitectura. 

«Todo se foi con ela. Coa miña nai perdín un apoio vital na vida», dixo Álvaro sobre un proceso que segue marcándolle a día de hoxe porque ten pesadelos e a súa vida parouse. «O meu irmán non volveu a ser o mesmo, encérrase na casa», sinalou Adrián, que tamén asegurou que nunca abandonaron a casa familiar a pesar dos anos duros que viviron alí: «Aos dous anos morreu o meu pai, despois o meu avó e o meu tío...Todos en anos impares, non me gustan». Adrián agora é o cabeza de familia e coida do seu irmán: «Non podo deixar a casa na que nacín, é como abandonar os meus pais».  

Ningún dos fillos de Elisa coñecía ao acusado, Roger Serafín Rodríguez, que seguiu a declaración de Adrián e de Álvaro máis ausente que a primeira sesión do xuízo, na que se negou a declarar. Co mesmo suadoiro granate que levaba o luns e o día que o arrestaron, e balanceándose na súa cadeira. 

O xuízo continuou ao longo da mañá coa declaración de Delfín Feal, o veciño de Cabanas que atopou o corpo de Elisa Abruñedo no 2013. 

Dous veciños que escoitaron os berros de auxilio de Elisa, un home e unha muller, testificaron tamén esta mañá. Un deles, Abel, estaba nun bar situado a uns 200 metros e saíu a fumar cando escoitou a voz dunha muller berrando «déixame en paz» e despois a dun home replicando: «Quieta, quieta». Aínda que esta testemuña dubidou sobre as voces, a fiscala lembroulle que na súa primeira declaración mantívoa e ratificouse despois no xulgado.

O seguinte testemuño foi o de Virginia Feal, prima e irmá dos veciños que atoparon a Elisa: «Estaba no meu cuarto, que dá a esa estrada, e escoitei unha portada e a unha muller que berraba "déixame en paz" e despois a dun home que lle dicía "quieta", pero pensei que era unha discusión de tráfico». Asegurou que instantes despois escoitou como un coche arrincaba a toda velocidade. Como o seu irmán Roberto, que testificou en segundo lugar, ela coñecía ao acusado, Roger Serafín, porque frecuentaba o bar da súa familia e porque coincidiron no colexio cando era nena

Queda o testemuño do responsable do coto de caza ao que Roger lle dixo que nunca ían coller ao asasino e a declaración dos dous primeiros gardas que chegaron á zona.

A Fiscalía pide 32 anos de prisión por violación e asasinato, e solicita unha agravante por arrastrar ao monte a unha muller miúda de 46 anos tras atacala por detrás. A acusación particular pide máis, 37 anos, e reclama unha indemnización de 300.000 euros para cada un.