O BNG pide a Rueda que rectifique para evitar un verán coa sanidade pública «nunha situación límite»

La Voz

GALICIA

Montse Prado, del BNG
Montse Prado, do BNG XOÁN REY | EFE

Montse Prado pide á Xunta que deixe de exercer de «comercial» da sanidade privada: «As listas de espera ou a falta de pediatras son nichos de negocio»

15 jun 2025 . Actualizado á 21:07 h.

O portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, esixe ao Goberno de Rueda unha «rectificación» sobre os plans da Consellería de Sanidade durante este verán para evitar que se rexistre unha «situación límites» nos meses estivais.

«Todo indica que a situación límite vivida nos veráns pasados na sanidade pública vai repetirse», advirte a deputada nacionalista, subliñando a «enorme preocupación» que está a xerar tanto entre a poboación como entre os propios profesionais da sanidade a «inacción», «obrigando aos profesionais a multiplicarse asumindo o traballo de todos os que estean ausentes».

«Non parece moi intelixente pensar que facendo o mesmo se podan agardar resultados diferentes», sostén Prado en alusión á situación de colapso na sanidade pública rexistrada nos últimos anos. «O PP persiste en pechar camas —alrededor de 350 este verán— e consultas hospitalarias cando hai 360.000 persoas en listas de espera», critica. Do mesmo xeito, rexeita o peche de centros de saúde, a suspensión de horarios de tarde e a falta de reforzos nas zonas onde aumenta a poboación nesta época, como Sanxenxo, o Grove, Cambados, Baiona, Vigo ou A Mariña.

A deputada nacionalista reclámalle á Xunta que «exerza como goberno» e deixe de actuar como «comercial da sanidade privada» pois, tal e como apunta, «aínda que o conselleiro diga que non é adiviño, é fácil saber que cada centro de saúde pechado ou con falta de profesionais é un nicho de negocio», igual que ou é «cada persoa que ten que agardar 10,15, 20 días ou ata un mes para ter unha cita en atención primaria, os doentes en lista de espera para consultas hospitalarias, probas diagnósticas e operacións cirúrxicas ou os nenos sen pediatra asignado».

Fronte á  «inacción permanente», Prado demanda «medidas reais», avaliando en primeiro lugar a situación dos profesionais que exercen na sanidade pública, cun plan de organización dos recursos e do cadro de persoal que garanta a accesibilidade da poboación á atención primaria, que permita a substitución de efectivos, sen pechar unidades de hospitalización e tendo operativos todos os recursos do Servizo Galego de Saúde.