
Pola contra tomarán medidas; aseguran que non se está negociando nada na mesa sectorial
12 may 2025 . Actualizado á 13:50 h.Os sindicatos con representación na mesa de negociación de sanidade, (CIG-Saúde, CSIF, CC.OO. e UGT) solicitaron de forma urxente unha reunión co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Danlle un prazo de sete días para recibir unha convocatoria oficial ou pola contra tomarán as medidas «necesarias» para que a consellería cambie de rumbo.
A chea dos representantes dos traballadores débese á falta de negociación na mesa sectorial. No último ano, apuntan, só se asinou un acordo de permisos herdado dunha negociación anterior. Entre os problemas que deben abordarse figura a deterioración da atención primaria, a falta de recursos, a xestión das listas de espera e a saúde mental. A iso súmase a insuficiente aplicación do acordo do 20 de abril do 2023, considerado como un dos máis importantes dos últimos anos, «e que se aplica de forma incorrecta».
Os sindicatos explican que sen condicións atractivas os problemas aos que alude a Xunta de falta de persoal non van solucionarse, cronificando situacións e convertendo «en normal o que non é normal».