
O« Diario Oficial de Galicia» publicou este mércores as resolucións polas que se aproba o deseño e estrutura organizativo, así como os postos de traballo
07 may 2025 . Actualizado á 15:09 h.O Diario Oficial de Galicia recolle este mércores as resolucións polas que se aproban o deseño e estrutura organizativa, así como as relacións de postos de traballo, dos rexistros civís, das oficinas de xustiza e das oficinas de xustiza nos municipios. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou este mércores a oficina de xustiza de Oroso, onde informou da aprobación da reforma das oficinas xudiciais de Galicia no marco da implantación da nova lei da nova Lei de Eficiencia do Servizo Público de Xustiza.
Durante a visita, Calvo destacou precisamente a importancia das novas oficinas de xustiza do municipio, xa que con elas os actuais xulgados de paz evolucionan para facilitar unha maior proximidade á cidadanía e permiten dispor de servizos en todo o territorio, especialmente no medio rural para evitar o despoboamento. «A oficina de xustiza no nunicipio configúrase como a porta de acceso á Administración de Xustiza», afirmou.
O conselleiro explicou que estas oficinas son as que rexistran máis novidades coa reforma, xa que, ademais de manter os actuais servizos, ampliará o catálogo de xestións nos concellos con menos poboación e cunha atención máis próxima. Así, co obxectivo de evitar que as persoas residentes nestes municipios teñan que desprazarse para realizar xestións presenciais, dotaranse dos medios tecnolóxicos necesarios para intervir a distancia nos actos procesuais. Estas 268 oficinas en Galicia teñen como prioridade prestar un servizo á Administración de Xustiza e amplían tamén a súa actividade ao resto das Administracións públicas.
Diego Calvo destacou o especial esforzo que supón para Galicia a implantación desta reforma, realizada seguindo o modelo de referencia aprobado na Conferencia Sectorial de Xustiza, polo elevado número de partidos xudiciais, a dispersión territorial e a diferente tipoloxía. Incidiu ademais en que esta reforma non vén acompañada dunha transferencia orzamentaria, polo que lamentou a falta dunha análise do custo inicial da súa implantación e que a novas normativa estatais non se acompañen dos presupostos necesarios, cargando os gastos da reforma nas comunidades con competencias en Xustiza, como a galega.
Lembrou que na última sectorial de Xustiza celebrada en Barcelona o Goberno non incluíu na orde do día os puntos solicitados desde Galicia e outras comunidades, entre os que figuraba o financiamento polos custos da implantación. Por iso, insistiu en que o Goberno debe, canto antes, acordar coas comunidades unha orde do día para a celebración da Conferencia Sectorial que contemple os aspectos que afectan os distintos territorios para implantación da lei de eficiencia. Só así, asegurou, a celebración de sectorial será produtiva para as distintas comunidades, en lugar de «citarnos para facer unha foto».
No que se refire á resolución publicada este mércores pola que se aproba a estrutura de todas oficinas xudiciais, sinalou que busca un deseño flexible e adecuar a súa dimensión e organización conforme as esixencias da nova lei de xeito gradual e progresivo. Así, nunha primeira fase establécese a constitución das novas oficinas de 38 partidos xudiciais para antes do 1 de xullo, mentres que para as oficinas xudiciais situadas nas sete cidades galegas a fase de implantación finaliza o 31 de decembro, completando así a reforma nos 45 partidos xudiciais existentes.
En canto aos postos de traballo, nas resolucións publicadas apróbanse os correspondentes ás oficinas xerais dos rexistros civís e ás oficinas de xustiza da primeira fase de implantación, así como ás oficinas de xustiza nos municipios pertencentes aos 38 partidos xudiciais que se transforman. Unha vez publicadas estas resolucións, acordarase cos sindicatos a reorganización dos funcionarios nos postos de traballo das oficinas xudiciais e oficinas de xustiza do municipio.