O PSdeG interpreta que o rescate da AP-9 non é viable mentres a UE investigue a prórroga da súa concesión

GALICIA

Rueda felicita ironicamente a Besteiro polo rexeitamento do Gobierno e o BNG considera «pouco serio» que se negue pór fin ao contrato de Audasa sen coñecer canto custaría
12 mar 2025 . Actualizado á 18:53 h.O rexeitamento do Gobierno a rescatar a concesión da AP-9 foi reinterpretado hoxe polo PSdeG para asegurar que o futuro da principal autoestrada galega está en mans da Comisión Europea, xa que será o goberno comunitario quen decida se a prórroga que concedeu o Goberno de Aznar ata o ano 2048 foi legal ou vulnera o principio de igualdade de concorrencia que garante o corpo legal da UE. Os socialistas galegos aseguran que nese sentido quixo expresarse o martes a secretaria xeral de Transporte Terrestre cando aludiu ás dificultades legais que xerou o estiramento do contrato de concesión, ao que o Executivo de Felipe González xa lle concedera previamente outros dez anos de prazo a maiores. «Se non se tivese adoitado esa medida, que agora Bruxelas investiga por ilegal, a autoestrada xa estaría liberada. Ao que se referiu a secretaria de Transporte é que 'agora mesmo', cando se está aínda pendente de que resolva a Comisión Europea, existen evidentes complicacións» para abordar o posible rescate da concesión.
«A nefasta prórroga da concesión que impulsou Aznar para beneficiar ao sector privado provocou un problema que ao PP nin se lle pasou pola cabeza resolver, pero que o Partido Socialista si está enfrontando», argumentan fontes do PSdeG, que fan especial fincapé na rebaixas aplicadas de ata o 75% no prezo das peaxes para os usuarios recorrentes, «avanzando así no camiño cara a gratuidade, que é no que estamos centrados, porque é o que máis lle afecta e importa á xente, máis aló de quen teña a titularidade e a competencia», reiteran os socialistas galegos. Manifestan ademais que a resolución de Europa sobre a posible irregularidade na ampliación da concesión en favor de Audasa determinará un novo escenario para a autoestrada galega «sobre a volta da infraestrutura ao sector público». E sobre o traspaso á Xunta do vial, os socialistas consideran que «non ten sentido antes de que a autoestrada non quede totalmente liberada de cargas, xa que suporía un lastre para Galicia», sinalan referíndose ao seu custo de mantemento, obras pendentes e cobertura das rebaixas e bonificacións das súas peaxes.
A idéntica tese sumouse o delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, que quixo enxalzar «o esforzo» do Executivo por facer o custo da AP-9 o máis «livián posible, que é o que realmente interesa aos usuarios. Xa está ben de darlle voltas ao mesmo», clamou tamén en referencia á petición de transferencia da autoestrada, que este martes volveu ser prorrogada no Congreso por vixésimo cuarta vez.
O rexeitamento do rescate da AP-9 por parte do Gobierno deu pé ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a pór en cuestión hoxe o liderado no PSdeG de José Ramón Gómez Besteiro. «Falaban vostedes [no congreso do PSdeG] da gratuidade dos peaxes. E, ¡pumba!, onte quedou anulada completamente calquera posibilidade de gratuidade. Noraboa, señor Besteiro», dixo Rueda ao secretario xeral dos socialistas no Parlamento galego. O documento marco do congreso celebrado durante a fin de semana polo PSdeG apostaba polo priorizar rescate ao propio traspaso da titularidade da autoestrada á Xunta.
Desde o BNG, formación que pactou a transferencia do vial e a adopción de novos descontos aos usuarios recorrentes da AP-9, o seu deputado no Congreso, Néstor Rego, considera «pouco serio» que o Goberno alegue «máis unha vez que non é viábel o rescate da AP-9 cando nin tan sequera conta cun estudo sobre o mesmo que o acredite». Rego asegura que os nacionalistas «seguimos a reclamar o mesmo desde o primeiro minuto. O rescate da AP-9 é unha cuestión de vontade política, igual que foi o rescate das radiais madrileñas», indicou.