A Fegamp alerta que o aumento da Xunta ao servizo de axuda no fogar é insuficiente

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Reclama ao Gobierno central e autonómico que financien o 100% do SAF

26 oct 2024 . Actualizado á 17:55 h.

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, advertiu este sábado que son «insuficientes» os presupostos que a Xunta reserva para financiar o servizo de axuda a domicilio (SAF) no 2025, un 8% máis ata acadar os 140 millóns de euros. Varela afirmou que, cun custo que supera os vinte euros por hora de media e pode chegar ata os vinte e cinco, «o incremento de 11 millóns de euros parece insuficiente, tendo en conta que a achega conxunta da Xunta e do Ministerio de Derechos Sociales ao SAF agora está nos doce euros/hora». 

O presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía solicitou xa unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para profundar na análise dos presupostos e revisar o financiamento do SAF. Varela destacou que tamén reclamaron ao ministro de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy, abordar o cumprimento do financiamiento do SAF, e que, aínda que entregaron toda a información sobre este tema en febreiro, aínda non recibiron resposta para manter a reunión solicitada.

«Os concellos galegos non podemos seguir sendo reféns da Xunta e do Ministerio, e seguir a financiarlles o que tiñan que ter financiado eles ao 100 %», reiterou Varela, instando a ambas as administracións para cumprir coa lei, cos usuarios do SAF e cos municipios galegos.

Varela criticou, ademais, que o «bono coidado» crecese 73 millóns de euros nos últimos dous anos nos presupostos da Xunta, sinalando que «deste xeito se está a descapitalizar a Axuda no Fogar e, en breve, haberá concellos que non poderán seguir prestando este servizo se non se adoptan medidas inmediatas e urxentes». Outro asunto que cualificou como insuficiente é o financiamento para a «gratuitade» das escolas infantís municipais, xa que o custo total está ao redor dos 30 millóns de euros, mentres que os presupostos da Xunta destinan só 5 millóns para este fin. «Por contra, para as escolas infantís privadas, a contía destinada pola Xunta é de 45 millóns de euros» concluíu Varela.