O teléfono de información 012 custará 1,4 millóns máis ao ano e xestionará 3.200 chamadas ao día

Xosé Vázquez Gago
X. Gago SANTIAGO

GALICIA

Instalaciones del servicio de Atención e Información á Cidadania a través del telefono 012
Instalacións do servizo de Atención e Información á Cidadania a través do telefono 012 Agostiño Iglesias

O novo contrato da Xunta entrará en vigor en setembro e estima que se superarán o millón de telefonazos anuais

26 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O novo teléfono de información 012 da Xunta deberá ser capaz de tramitar máis de 1,16 millóns de chamadas e case 23.000 correos electrónicos ao ano en tres idiomas —galego, castelán e inglés— e con videointerpretación de lingua de signos. Así o indican os pregos de licitación publicados pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que prevé que o servizo empece a traballar coas novas condicións o 1 de setembro.

O contrato do 012 tamén inclúe a xestión de alertas por SMS e do chatbot do servizo. Todo o sistema deberá contar con substitucións para evitar a interrupción do servizo no caso de que se produza unha avaría.

O contrato terá unha duración de dous anos e un presuposto base de licitación de 3,8 millóns de euros. O anterior prego, tramitado no 2019, ascendía a 2,4 para o mesmo período. O custo incrementouse en 1,4 millóns (un 50 % máis) pola ampliación do servizo.

O actual prego prevé unha prórroga de ata dous anos, que sitúa o valor total do contrato en case 7,6 millóns de euros. O 012, que debe garantir o anonimato das chamadas que xestiona, conecta con 16 servizos da Xunta. Como norma xeral, funcionarán de luns a venres non festivos de 08.00 a 20.00 horas. As principais excepcións son o Canle 65+ —o número 900 333 666 de atención a maiores—, que tamén funciona os festivos; e os de Infancia (116111), Muller (900 400 273) e atención á LGTBIfobia (028), que traballarán as 24 horas todos os días do ano. Outro tanto ocorrerá coas solicitudes de servizo de procura de emprego (SPEG). Ademais, o prego tamén prevé que os sábados non festivos tamén estean activos os servizos de atención a usuarios do SPEG (de 09.00 a 14.00 horas), o de queimas (de 08.00 a 17.30 horas) e o da avespa velutina (de 08.00 a 20.00 horas). O servizo para alertar da presenza de niños deste insecto é unha excepción ao horario xeral e, de luns a venres, operará de 08.00 a 21.00, unha hora máis que o habitual.

Os servizos máis demandados

A previsión de tramitar máis de 1,16 millóns de telefonazos anuais —a unha media de case 3.200 ao— día inclúe as chamadas de saída. Os pregos calculan que se farán polo menos 164.000. Case a metade delas, unhas 65.000, estarán relacionadas coas valoracións da dependencia. Outras 56.000, coas citas para recoñecemento da discapacidade.

O groso das chamadas entrantes virán de dúas categorías. As de información xeral superarán as 294.000, pero aínda se agardan máis relacionadas co campo galego, unhas 305.000. O seguinte servizo con máis demanda prevista é o SPEG, unhas 200.000 chamadas anuais, incluíndo a cita previa e a renovación das solicitudes de emprego.

O 012 comezou como servizo de atención administrativa en 1992 no número 902 120 001. Adoptouse o 012 no 2008 e desde o 2011 converteuse na principal ferramenta de información telefónica da Xunta.