Besteiro recrimina a Rueda estar «mal informado» ao estimar perdas de 750 millóns pola ausencia de orzamentos

Manuel Varela Fariña
M. Varela SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Xoán A. Soler

O deputado socialista presenta o máximo de avais requirido para proclamarse secretario xeral

22 mares 2024 . Actualizado ás 12:40 h.

«Empeza mal Alfonso Rueda confundido os desexos coa realidade», respondeu esta mañá José Ramón Gómez Besteiro desde a sede dos socialistas galegos, onde entregou máis dun milleiro de avais da militancia para proclamarse secretario xeral do PSdeG a próxima semana. O deputado autonómico reprochou ao presidente da Xunta que non estea «máis informado» ao estimar que Galicia deixará de ingresar 750 millóns de euros por non tramitarse os orzamentos do Estado, segundo o informe que presentou este xoves xunto ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

Besteiro advertiu que os populares votaron dúas veces en contra da «senda de estabilidade» presentada polo Goberno, a última a principios de marzo no Senado, onde os socialistas propuñan limitar os obxectivos de déficit das comunidades autónomas. O portavoz do PSdeG no Parlamento estimou que esta negativa restará preto de 250 millóns á economía galega, afectando a servizos públicos de concellos e Xunta.

Lembrou que as achegas que fará o Estado este ano subirán un 7,3 %, o que suporá preto de 10.600 millóns en transferencias a conta a Galicia e sumando a liquidación do 2022, o que suporá unha partida «histórica», calculou. Tamén abundou que os socialistas tramitan unha emenda no Congreso ao proxecto de lei que contén as medidas antricrisis que permitirá facer esas transferencias a conta sen ter os orzamentos aprobados, pero que os populares se manteñen en contra. «Non hai ningún risco de que cheguen eses cartos», subliñou.

Besteiro animou a Rueda e aos deputados e senadores galegos do PP a que contribúan a dar luz verde aos orzamentos. «Hai que saber de que lado estar: se do lado de Feijoo e a súa estratexia de confrontar e votar todo que non, aínda que prexudique aos intereses dos galegos e galegas, ou nunha oposición moito máis construtiva», expuxo.

Precaucións con Altri

O PSdeG aínda non adoptou un posicionamento claro respecto da fábrica de fibras téxtiles e celulosa que a multinacional Altri pretende construír en Palas de Rei, a diferenza do BNG, que mostrou onte un rexeitamento contundente e avanzou que buscará paralizar a construción desta instalación. Besteiro non quixo valorar a postura os nacionalistas, pero si recoñeceu que «se falan de cousas diferentes» do que se falaba nun principio. Entre eses cambios, apuntou aos menos de 500 empregos que se crearán fronte aos 2.500 anunciados no seu momento. O grupo municipal socialista de Palas de Rei, en cambio, xa expuxo a súa oposición ao proxecto de Altri.

«Hai cousas que parece que son distintas ao que se dixo nun principio», insistiu Besteiro, que pediu centrarse «no respecto escrupuloso ao nivel de protección medioambiental» e ao plan de viabilidade económico para a factoría. Apuntou que o proxecto está sometido «a financiamento de proxectos europeos», polo que «Europa será esixente» para cumprir cos estándares de protección ambiental «máis altos».

Novo equipo

As declaracións do futuro secretario xeral do PSdeG producíronse tras depositar ao redor dun milleiro de avais, aos que haberá que sumar tamén as firmas achegadas de forma telemática. Supón o último trámite para que Besteiro sexa proclamado sucesor de Valentín González Formoso a próxima semana, unha vez superado o período de alegacións.

O deputado recoñeceu que está xa traballando na configuración da nova executiva do PSdeG, pero que ese proxecto «aínda está en fase de formación» a pouco máis dun mes do congreso extraordinario do que sairá o equipo que dirixa aos socialistas galegos ata finais do 2025, cando se celebrará o congreso ordinario.