A Fegamp pide unha reunión urxente co ministro de Dereitos sociais para abordar a carga que soportan os concellos polos servizos sociais

La Voz

GALICIA

Alberto Varela
Alberto Varela Martina Miser

Denuncian unha «situación límites» dos concellos polo esforzo financeiro e de persoal para prestar estes servizos en Galicia, especialmente polo SAF

26 feb 2024 . Actualizado á 16:20 h.

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, solicitou unha reunión urxente ao ministro de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy. O obxectivo, explican, é abordar a «grave problemática estrutural e de financiamento que están a soportar os concellos galegos na área dos servizos sociais comunitarios».

Na misiva, Varela asegura que os concellos están a asumir con fondos propios «a meirande porcentaxe do custo do Servizo de Axuda a Domicilio (SAF)», algo que atribúe ao incremento dos prezos nos últimos anos e ao aumento de horas concedido para todos os graos de dependencia.

O presidente da Fegamp tamén lembra que Galicia ten unha peculiar configuración territorial e demográfica, marcada polo envellecemento e a dispersión. Isto, considera «está a levar aos concellos galegos a unha situación límite».

Alberto Varela tamén quere abordar no encontro co ministro a «maior carga de traballo derivado doutras administracións» que, ao seu xuízo, soportan os servizos sociais comunitarios desenvolvidos polos concellos. Asegura o máximo representante da Fegamp que os concellos galegos están a facer un destacable «esforzo persoal e financeiro», cifrando no 90% a súa achega aos fondos cos que se financian.