A Xunta planifica a construción de 737 vivendas protexidas nas sete cidades

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Lavandeira jr | EFE

A vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, di que se triplican os fondos para a promoción de vivendas, pasando de 10,5 a 32 millóns de euros

30 oct 2023 . Actualizado á 14:09 h.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, debullou esta mañá as principais claves dos Orzamentos do seu departamento en comisión parlamentaria. Contará cunha dotación de 215 millóns de euros o próximo ano para «desenvolver políticas e actuacións en materia de vivenda e solo empresarial», unha contía que cualificou de «histórica» ao incrementar un 21% os fondos destinados a esta materia no 2023. En total, a consellería contará cun presuposto de 305,7 millóns. Este cifra elévase a 514,8 millóns coa suma de Sogama, Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e Xestur

Vázquez subliñou que serán os «piares da acción de Goberno» da Xunta para o 2024 serán as políticas residenciais e o asentamento e consolidación de iniciativas empresariais en Galicia. Destinaranse 32 millóns de euros, o triplo que no 2023, á licitación de 737 vivendas protexidas que se construirán nas sete grandes cidades, onde se concentra a maior demanda.

A repartición por cidades é o seguinte: máis de 8 millóns para Vigo, 206 vivendas en San Paio de Navia -o mes que vén comezarán obras-; 5,5 millóns para 98 vivendas na Coruña; 7,6 millóns para 56 vivendas en Santiago; 5,8 millóns para 204 vivendas en Lugo; 1,5 millóns para 70 vivendas en Ourense; 2,2 millóns para 76 vivendas en Pontevedra e case 600.000 euros para 27 vivendas en Ferrol.

A titular de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sumou outros tres eixos á vivenda e o asentamento de empresas: «Galicia como un lugar ordeado para vivir, como un refuxo climático e cunha aposta pola reserva natural». Así, subliña que entre os 215 millóns destinados a vivenda e chan industrial, o acceso a un fogar suporá case un de cada dous euros do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Resérvanse 31,6 millóns para favorecer a construción de inmobles para alugueiro social e axudar a inquilinos a pago de rendas, con 8,2 millóns á liña de subvencións para promover aloxamentos temporais tipo cohousing, cunha alza do 20,5%. Ademais, haberá un millón para unha nova liña de axudas a promotores para construír vivenda en alugueiro en municipios con maior demanda. A Xunta asumirá o pago do 100% do arrendamento dos beneficiarios do bono de alugueiro social -nos dous últimos anos son 1.840 galegos-. Destina apoios para comprar vivendas protexidas (1 millón), para que mozos se establezan en municipios de menos de 10.000 habitantes (1,9 millóns) e para comprar vivenda en centros históricos (medio millón).

Os tres programas de subvencións para propietarios e comunidades de veciños para eficiencia enerxética suman de forma global 53,7 millóns, 10,5 millóns máis que en 2023. Para rehabilitación de vivendas van 5,1 millóns, un 82% máis.

A oposoción denuncia recortes

A deputada do BNG Alexandra Fernández reprochou que a consellería é «cada vez máis pequena», apuntando a un recorte de case o 13% en actuacións ambientais. En materia de vivenda, a deputada nacionalista avisa de que, descontados os fondos do mecanismo de resiliencia, hai unha «redución» da achega da Xunta, de maneira que agora o Goberno galego «apenas aporta o 30 %» dos fondos.

Pola súa banda, o socialista Pablo Arangüena criticou que a conselleira estea «tan satisfeita» pola construción de vivendas públicas, pero a cifra «siga baixo mínimos» e caia «en picado» co PP. Comparou as «menos de 600» vivendas nesta lexislatura coas 10.000 vivendas públicas da etapa de Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta.