O PSdeG pide reformar o Estatuto para a xestión do litoral e Rueda acúsalles de estar «recollendo velas»

Manuel Varela Fariña
M.Varela SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Formoso nega sentirse «desautorizado» tras as dúbidas mostradas este martes polo delegado do Goberno á viabilidade da norma. O presidente da Xunta insta ao PSdeG a ser «valente» ante as «contradiccións» nesta materia

04 may 2023 . Actualizado ás 20:18 h.

O líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, reafirmou este xoves o apoio do seu partido á tramitación da lei de xestión integral do litoral, aprobada fai unha semana no Consello da Xunta e que entrará no Parlamento este mes. «Esta dirección, dende o primeiro día, sinalou o obxectivo básico da defensa do tecido industrial galego», recalcou Formoso, citando ás 40.000 familias que dependen do sector mar-industria que regulará a norma autonómica. O secretario xeral mantén que o PSdeG apoiará na Cámara a tramitación da lei, á que insiste en que observa «eivas que deben ser correxidas» que o seu partido buscará paliar para «mellorala».

Negou así sentirse «desautorizado» polo delegado do Goberno e antigo secretario xeral socialista, José Ramón Gómez Besteiro, que este martes se reuniu co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para manifestarlle as súas dúbidas sobre a viabilidade da norma, que o Executivo central chegou a cualificar como «anticonstitucional». «Planteei que non entendía a polémica», recoñeceu entón Besteiro, e que tampouco comprendía que o Goberno galego non desenvolvese a reforma estatutaria nin fixese uso do mecanismo da comisión bilateral para lograr competencias nos últimos catorce anos. «Se todos os partidos están a favor de asumir esa competencia, non entendo que non se poña en práctica», apuntou o delegado, que insistiu en que «non se garantiza a seguridade xurídica coa tramitación desta lei».

Formoso non puxo en dúbida o informe do Consello Consultivo que ampara esa seguridade xurídica na norma, pero si instou a Alfonso Rueda a convocar a comisión bilateral de transferencias co Estado e a exporse unha reforma do Estatuto, como pide o Executivo central. «É unha ferramenta que non debemos olvidar, as comisións de competencias están para algo», apelou o líder do PSdeG, que criticou ao Goberno galego por , «dar ás costas ao Estatuto»lembrando que foi o seu partido quen intentou reformar o texto con Emilio Pérez Touriño e que o PP o rexeitou desde a oposición. O secretario xeral abriuse a unha reforma do Estatuto «acoutada» a garantir a seguridade xurídica de a lei, aínda que citou o artigo 27 do mesmo que recolle a competencia para xestionar o litoral. 

Rueda pide «valentía»

Minutos despois de que Formoso propuxese estas dúas vías para que a Xunta acade plenas competencias sobre o seu litoral, o presidente galego lamentou a «evidente contradicción» dos socialistas, argumentando que agora o secretario xeral empezo ao que «matizar ou desmentir» propugnaba fai unha semana.

«É dificil dicir que se apoia algo en Galicia e, en Madrid, ter a un Goberno do mesmo partido dicir que a lei case é unha declaración de indepencia», manifestou Alfonso Rueda lembrando as palabras do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán. Pediu así ao PSdeG que «siga sendo valiente como cando fixo esa declaración» de apoiar a lei, un punto que os socialistas reducen agora a secundar a súa tramitación, algo que para o titular da Xunta resulta unha obviedad: «Tampouco se poden opoñer. A lei entra no Parlamento e, loxicamente, vai entrar».

En canto á comisión bilateral, o presidente lembrou que ese procedemento se activaría nunha fase posterior á aprobación da norma, como paso previo ao recurso ante o Constitucional desde o Executivo central, fronte á comisión mixta de transferencias que, segundo a Xunta, non sería necesario convocar para lograr esta competencia que xa contempla a norma. «Aquí se trata de defender o noso litoral ou se trata dun toque de atención [desde Madrid ] e estar recollendo velas. Espero que non sexa isto último», contrapuxo.