Hipervítimas: as únicas recoñecidas, de momento

Silvia Pérez Freire
Silvia Pérez Freire DOUTORA EN SOCIOLOXÍA E PROFESORA NA UNIVERSIDADE DE VIGO E NA UNED

GALICIA

Víctimas de la red de trata de mujeres desarticulada este jueves en la provincia de A Coruña.
Vítimas da rede de trata de mulleres desarticulada este xoves na provincia da Coruña.

28 abr 2023 . Actualizado ás 09:25 h.

Cada certo tempo emerxen novas sobre actuacións policiais e xudiciais contra a trata sexual que fan fincapé en elementos que distorsionan a policontexturalidade (como diría Luhmann) que posúe todo sistema social. Non nos enganemos, esta converxencia de feitos que nos levan a lóxicas tradicionais fan moito ruído enmarañando a cuestión de fondo que está chea de moita simplicidade, estimo, perdéndonos polas tanxentes.

Vexamos: en primeiro lugar, en moitos escenarios aparecen normalmente como vítimas de trata sexual as mulleres estranxeiras. Non queda moi claro se ligadas a situacións de tráfico ilegal, pero o importante aquí sería que, ante todo, son inmigrantes. Tamén é habitual dar a coñecer a existencia dun engano previo para explicar a captación, a viaxe e a posterior explotación para o exercicio da prostitución actual. E case sempre se emprega a palabra «escravitude» acompañada da descrición das condicións nas que se exerce a prostitución para dar fe de tal consideración.

A realidade social da trata sexual é que é unha violación grave dos dereitos humanos onde o denominador común maioritario é unicamente ser muller e atoparse nunha situación de vulnerabilidade, por certo, non necesariamente económica (tamén produto dunha extorsión, por exemplo); non é necesario engano algún para consentir algo indesexado e quebrar a vontade de alguén (está a servidume por débedas, abuso de poder...), e as condicións do exercicio agravan a situación, que dúbida cabe, pero non intervén na consideración xurídica do delito (tal e como insisten en aclarar os organismos internacionais).

Todos estes elementos poden estar operando para esquecer oportunamente que detrás da trata sexual existe unha práctica social sustentada basicamente na consideración de que os homes teñen dereito a acceder aos corpos das mulleres (pagando e mercadeando, neste caso) e o sistema penal só está a recoñecer unha pequenísima parte das vítimas máis graves. Dirase: «Algo é algo!». Eu non podo evitar pensar: «Aínda nestas!».