O PP impide a reforma do BNG para «blindar» a atención primaria en Galicia

Manuel Varela Fariña
m.varela SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Lavandeira jr | EFE

Os populares acusan á oposición de «manter a súa triloxía sanitaria: confusión, bulo e insulto»

07 mares 2023 . Actualizado ás 13:59 h.

Ao Parlamento de Galicia chegou esta mañá Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, cunha das súas propostas estrela: a proposición de lei para «blindar» a atención primaria en Galicia cun investimento do 25 % do orzamento sanitario. Contou co apoio do Grupo Socialista, pero non foi suficiente ante a maioría absoluta do PP na Cámara, onde utilizou o seu rodete para rexeitar a iniciativa. O viceportavoz popular, Alberto Pazos, acusou á oposición de , «manter a súa triloxía sanitaria: confusión, bulo e insulto»reivindicando que os fondos dedicados este ano nos Presupostos a atención primaria son os máis altos da historia.

Pontón definiu ao PP como o «cabalo de Troia da sanidade privada» no sistema público e afeoulles que puxesen «en perigo a saúde dos galegos», con longas listas de espera tamén en atención primaria. Sinalou á Xunta por pór «a tarxeta bancaria amais da tarxeta sanitaria» para argumentar que este , «non é un Goberno decente». «A xente ten medo a enfermar, medo a perder a un ser querido porque a ambulancia que pode salvarlle a vida non chega, medo porque un diagnóstico se retrasa ou porque unha operación tarda moito»lamentou. A portavoz nacional do Bloque, como fixera xa na última sesión de control, advertiu sobre «un burato negro de 2.339 millóns de euros en atención primaria».

A líder do BNG defendeu a súa reforma sanitaria para «contar con suficiencia financeira» e incrementar o investimento en atención primaria ao 25 % do gasto neste ámbito que recomenda a Organización Mundial da Saúde -limiar que Pazos recoñeceu «descoñecer» onde se recolle-. Os nacionalistas piden tamén a contratación de persoal sanitario «necesario para rematar coa precarización e coa fuga de médicos e médicas por esta causa». Ademais, reclaman ampliar a carteira de servizos con novas especialidades «imprescindibles para prestar unha atención integral», como psicoloxía clínica, podoloxía, fisioterapia ou logopedia. 

O PSdeG apoiou esta proposta, co deputado socialista Julio Torrado denunciando tamén os «recortes» e a «precarización» dunha atención primaria «desprestixiada» co Goberno do PP. «Galicia ten o segundo peor orzamento destinado a atención primaria de todas as comunidades», expuxo o portavoz sanitario do PSdeG durante a súa intervención na Cámara. 

«Enganar e manipular os datos»

O viceportavoz popular, Alberto Pazos, desenvolveu que «o novo bulo utilizado polo BNG ao fixar en 2.340 millóns de euros o recorte acumulado en atención primaria» responde á eliminación que fan os nacionalistas do aforro no gasto farmacéutico que propiciou o decreto sobre o catálogo de medicamentos no 2010. «1.791 millóns de euros dese suposto recorte corresponden a aforro en farmacia», cifrou Pazos, que acusou á oposición de e «enganar e manipular os datos» negou recortes orzamentarios nos últimos catorce anos de Goberno popular na Xunta.

O deputado atribuíu ao BNG unha estratexia sobre a situación sanitaria baseada na «triloxía da confusión, o bulo e eo insulto». Lembrou así a petición que fixo onte o BNG para que comparecese en sede parlamentaria a xerente do Sergas, Estrela López-Pardo, por un potencial «conflito de intereses» despois de que o seu irmán, Manuel López-Pardo, fose nomeado director xerente da asociación de hospitais privados galegos Ahosgal. «Para desmontar ese conto», continuou Pazos, a dirixente do Sergas solicitou acudir á Cámara para dar explicacións.

Modificacións de leis 

O pleno desta semana comezou coa aprobación, por unanimidade dos tres grupos, dunha serie de modificacións no Consello Consultivo de Galicia, o Valedor do Pobo, e o Consello de Contas, a petición destes propios órganos para «mellorar a súa funcionalidade», detallou o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy. Os cambios introducidos responden a cuestións de funcionamento interno, como que as cinco presentas asesoras que pode designar a Valedora do Pobo póidanse substituír «causas debidamente xustificadas».  

As modificacións nas leis reguladoras destes organismos saíron adiante polo trámite de lectura única.