Feijoo mantén un apoio maioritario tras a xestión do covid en Galicia

GALICIA

ENQUISA DE SONDAXE. O BNG afiánzase como segunda forza e o PSdeG segue na terceira praza. Os galegos ven mellor a situación política en Galicia que noutras comunidades. As primarias no PSdeG, tamén neste barómetro

23 oct 2021 . Actualizado ás 17:40 h.

Cambia o campo de xogo. O levantamento do estado de urxencia sanitaria, que estivo vixente o último ano e medio en Galicia, pecha simbólicamente un ciclo político marcado de xeito transversal pola pandemia do covid-19 e as restricións que condicionaron o labor de partidos e institucións. O barómetro de outono elaborado polo Instituto Sondaxe pon o broche a esta etapa, consignando algunhas variacións, pero mantendo ao PP de Alberto Núñez Feijoo co respaldo maioritario do electorado tras a xestión desta pandemia.

O traballo de campo da enquisa foi levado a cabo entre o 14 e o 21 de outubro, datas nas que o Parlamento galego albergou o debate sobre o estado da autonomía e que sorprendeu ás dúas forzas da oposición, o BNG e o PSdeG, con procesos internos abertos para renovar ou ben os seus liderados ou ben os seus órganos de dirección.

A foto fixa de Sondaxe mostra a un PP que acusa un lixeiro desgaste desde as autonómicas, ao retroceder algo máis de dous puntos en estimación de voto. No entanto, o partido retén un nivel de apoio suficiente como para revalidar a maioría absoluta con 39 escanos, tres menos que no 2020, un máis dos precisos para gobernar en solitario.

O BNG consolídase como segunda forza, cun incremento de voto de dous puntos e situando a Ana Pontón como cabeza da alternativa a Feijoo e a segunda líder mellor valorada tras o presidente da Xunta. Os nacionalistas suman un deputado máis en Lugo, obtendo un total de 20 actas. O crecemento do Bloque susténtase na alta fidelidade dos seus electores (un 85 % dos que lles votaron no 2020 repetirían) e o transvasamento das mareas.

En canto ao PSdeG, revalida os 14 escanos obtidos nas autonómicas do 2016 e o 2020, pero retrocedendo 2,4 puntos en voto estimado e baixando nas catro provincias. Ten ademais unha baixa fidelidade (73 %), máis acentuada en eleccións xerais.

Ese estancamento ábrelle unha fiestra a Galicia en Común, a marca de Podemos, que obtería dous escanos co 6 % dos votos, despois de abandonar o Parlamento galego hai un ano.

A enquisa reflexa que os galegos teñen a percepción de que o Goberno da Xunta é mellor que o doutras comunidades. O barómetro de Sondaxe reflexa que o 37,1 % dos cidadáns veno así, mentres que un 18,8 % considera que aquí se goberna peor que noutras autonomías. Para outro 27,9 %, o Goberno galego é «máis ou menos igual» que os demais, mentres hai un 11,6 % que sostén que é mellor ou peor, segundo sexa a comunidade con que se compare.

A percepción de que o Goberno galego é mellor é cinco puntos máis ampla entre os homes que entre as mulleres, e esa sensación pasa o 46 % no grupo de maiores de 65 anos.

Primarias no PSdeG: Gonzalo Caballero ten máis nivel de coñecemento, e  Formoso consegue maior valoración  

As primarias que o PSOE galego celebrará xusto nunha semana para elixir ao seu secretario xeral son unha das cuestións polas que preguntou Sondaxe. O resultado é que Gonzalo Caballero é o candidato co maior nivel de coñecemento: o 83,3 % dos galegos están familiarizados co seu nome, algo comprensible pola proxección que ten como actual líder do partido. A Valentín González Formoso, o outro candidato, coñéceno o 35,6 % dos entrevistados. En cambio, o alcalde das Pontes e tamén presidente da Deputación da Coruña ten unha valoración máis alta, unha 5,36 fronte 4,67 do actual secretario xeral en funcións.

Caballero é o aspirante preferido polos votantes socialistas das autonómicas: danlle unha nota 6,31, fronte ao 6,19 que conceden a Formoso. Este último imponse entre os votantes do PSOE nas xerais, que lle outorgan unha puntuación de 6 sobre 10.

O bloque de esquerdas, maioritario en Galicia ante unhas eleccións xerais 

Á marxe do escenario das autonómicas, o estudo elaborado por Sondaxe analiza tamén a incidencia que terían unhas eleccións xerais en Galicia, tendo en conta do voto dual que adoita practicar segundo sexa o ámbito da convocatoria.

A proxección sinala que o PP recupera a condición de forza hexemónica, rompendo o empate técnico que asinou co PSdeG en novembro do 2019, aínda que o bloque de esquerdas sería o maioritario. Os populares superan ao PSdeG en máis de cinco puntos, con 10 deputados en Madrid. O apoio aos socialistas, en cambio, retrocede tres puntos. Ceden un escano, quedándose en nove. A forza que sae beneficiada dese desgaste é o BNG, que avanza catro puntos en voto e suma ao escano da Coruña un segundo por Pontevedra. Galicia en Común, á súa vez, está en condicións de revalidar as dúas actas que posúe.

Foto de familia del Gobierno gallego, con el nuevo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos
Foto de familia do Goberno galego, co novo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos XOAN A. ADOITAR

Os conselleiros máis veteranos ou con maior exposición mediática logran a mellor nota

Do primeiro Goberno que formou Feijoo tras acadar a presidencia da Xunta, no 2009, só quedan dous conselleiros en activo. Son o vicepresidente primeiro e responsable de Presidencia, Alfonso Rueda, e a responsable de Mar, Rosa Quintana. Os dous máis veteranos sitúanse tamén entre os máis coñecidos e mellor valorados polos cidadáns, aínda que entre ambos se coloca un novato, Julio García Comesaña, titular de Sanidade, que tivo unha maior exposición pública pola xestión da pandemia. Salvando a estes tres, o nivel de relevancia do resto do Consello da Xunta é moi discreto.

O barómetro de Sondaxe aínda non recolle a valoración de Miguel Corgos, nomeado conselleiro de Facenda o pasado luns en substitución do falecido Valeriano Martínez. A enquisa reflexa que todos os membros do Executivo superan o limiar do aprobado. A excepción é María Jesús Lorenzana, responsable de Emprego (área moi castigada pola crise), que queda ás portas, cunha nota de 4,94.

Rosa Quintana é a que obtén a mellor puntuación, un 5,50 sobre 10, aínda que Comesaña písalle os talóns, cun 5,45. Rueda (5,44) sitúase terceiro, pero co grao de coñecemento máis elevado. A listaxe complétana, de maior a menor, José González, de Medio Rural (nota de 5,33); Francisco Conde, en Economía (5,30); Ángeles Vázquez, no medio Ambiente (5,26); Román Rodríguez, en Educación (5,24); Ethel Vázquez, Infraestruturas (5,13) e Fabiola García, Política Social (5,04).

FICHA TÉCNICA

Ámbito: Galicia. Poboación empadroada en Galicia de 18 ó máis anos de idade. Mostra: 1.223 entrevistas. Tipo de entrevista:Técnica mixta; telefónica asistida por computador (sistema CATI) e autoadministrada online (sistema CAWI). Afijación da mostra: Proporcional segundo provincia e tamaño de hábitat do municipio de residencia. Selección de entrevistas: Para o campo telefónico, selección dos fogares mediante semente de aleatorización dunha base de teléfonos dos municipios; para o campo persoal sistema de rutas aleatorias nos municipios. Erro de mostraxe: +/- 2,86% cun nivel de confianza do 95,5% (2 sigmas), no caso de máxima indeterminación (p=q=50%) e para resultados globais. Traballo de campo: Do 14 ao 21 de outubro do 2021. Realización: Instituto Sondaxe. 981 167 300; www.sondaxe.com