Feijoo chama nas Medallas Castelao a promover «un novo rexurdimento» tras o covid

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Sandra Alonso

O galardón distingue a Santiago Pemán, os profesores Xoán Luís Saco e Manuel Vila, a xornalista Esther Eiros e o Centro Superior de Hostalería, como homenaxe ao sector hostaleiro, tan afectado pola pandemia

28 jun 2021 . Actualizado á 17:21 h.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, converteu o acto de entrega das Medallas Castelao 2021, celebrado este luns no palacio de congresos de Santiago, nunha especie de esconxuro para espantar a «negra sombra» que asombra a Galicia e a boa parte do mundo desde a declaración da pandemia de coronavirus, hai xa 16 meses, e a protagonizar «un novo rexurdimento» no que non só hai sitio para todos os galegos, senón que «todos son imprescindibles», remarcou Feijoo, para que a comunidade «retome con novos azos» o camiño emprendido hai catro décadas co inicio do autogoberno.

As Medallas Castelao, instauradas en 1984, o ano en que foron repatriados desde Buenos Aires os restos do ilustre rianxeiro, distinguen cada ano o labor de persoas ou entidades que destacaron nalgún ámbito concreto. Neste 2021, ano santo xubilar, o xefe do Executivo considera tamén é unha oportunidade para reivindicar a tradición «unificadora, universal e atemporal» que representa o Xacobeo e o Camiño, que é un fenómeno capaz de «achegar lugares distantes e persoas que non se coñecían» a base de romper illamentos artificiais.

O covid-19 supuxo —engadiu Feijoo— un «ataque directo» aos valores inherentes ao Xacobeo, á mesma esencia da galeguidade, así que, hora que «a negra sombra cede», sinalou, e que se empeza a ver o final do túnel, é o momento de unirse todos «sen exclusións nin rupturas» nunha cogobernanza real e libre de «ilusorias independencias», dixo, en alusión velada a Cataluña, para participar todos da recuperación económica e social, e dese novo rexurdimento invocado polo mandatario galego.

Os distinguidos coas Medallas Castelao deste ano son a xornalista Esther Eiros, natural de Lugo e afincada en Barcelona, que é alma máter do programa radiofónico Xente Viaxeira, emitido desde hai 31 anos en Onda Cero. Acompáñaa Santiago Pemán, que desde 1986 foi o home do tempo da TVG, o que ensinou a tantos galegos a desmenuzar os refráns populares para completar a información das isóbaras, así como o profesor Xoán Luís Saco, catedrático de latín e educador vocacional, que pasou de ser alumno de Otero Pedrayo a impartir clases no instituto que leva o seu nome ou a presidir, ata hai só dous meses, a fundación nomeada como o autor de Arredor de si.

Outro profesor, o lucense Manuel Vila, obtivo a medalla polo traballo realizado en favor da integración da etnia xitana. El recibiu o galardón facendo un alegado en favor da escola pública e de avanzar «cara unha normalización de todas as culturas e minorías presentes no noso país». Pecha a lista de premiados o Centro Superior de Hostalería de Galicia, que imparte a súa titulacións a través da Universidade de Santiago, como recoñecemento ao labor desenvolvido durante 25 anos nos que formou a 2.500 directivos da hostalería, o turismo e a gastronomía, pero tamén «unha homenaxe», matizou Feijoo, a un sector profundamente castigado durante a pandemia e que respondeu con responsabilidade ás normas e restricións aplicadas en cada momento.