Santiago Pemán, Xoan Luís Saco Cid, Esther Eirós e Manuel Vila López recibirán a Medalla Castelao

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO

GALICIA

SANDRA ALONSO

A Xunta tamén recoñecerá nesta edición ao Centro Superior de Hostalería de Galicia como homenaxe a todo o sector

10 jun 2021 . Actualizado á 17:30 h.

A Xunta de Galicia anunciou este xoves os nomes das persoas que recibirán este ano as Medallas Castelao, que buscan recoñecer a galegos destacados pola súa obra literaria, artística, intelectual ou de comunicación. Son:

Xoán Luís Saco Cid, ata hai unhas semanas presidente Fundación Otero Pedrayo. Nado en Ourense, catedrático de Latín, exerceu a súa carreira en Cáceres, Lugo e Ourense, e pertenceu ás directivas do Ateneo de Ourense, ademais de ser membro do Consello de Administración da CRTVG e presidente do IGAEM.

Esther Eirós, xornalista, vinculada profesionalmente a Radio Nacional e Onda Cero, unha das voces «máis recoñecidas» polo seu programa Xente viaxeira. Especialista en turismo, recibe o galardón nun ano Xacobeo «do que seguro será unha excepcional embaixadora» de Galicia, dixo Alberto Núñez Feijoo tras o Consello da Xunta.

Manuel Vila López, docente de profesión, fundador da Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo. Dedicou catro décadas a este colectivo nesa provincia.

Santiago Pemán, «o noso home do tempo por excelencia», apuntou Feijoo. Foi inspector de voo e piloto de aviación civil, pero desde a súa entrada na TVG en 1986 asentouse como referente da información meteorolóxica con «unha morea de refráns sobre o tempo, con especial énfase no mundo do mar».

 E a nivel colectivo, a medalla recae en Centro Superior de Hostalería de Galicia, que leva 25 anos formando directivos e hostaleiros cun «alto nivel de profesionalidade», un centro de referencia de Europa que se adscribe a Universidade de Santiago para ter o seu propio grao universitario. O xefe do Executivo explicou que esta medalla tamén recoñece dalgunha forma o esforzo da  hostalería por todos os problemas que está a sufrir durante a pandemia.