José Antonio Rivas: «As miñas vacas son como da familia»

GALICIA

cedida

O mellor produtor de leite ecolóxico de Galicia aposta por reforzar o rural e polo concepto de vacas felices

05 ene 2021 . Actualizado ás 09:28 h.

Non todo o mundo foxe do rural. José Antonio Rivas (Friol, 1984), criado na granxa que iniciou o seu bisavó e que o ano que vén cumprirá cen anos, formouse, viaxou e volveu para darlle outro golpe de modernidade á explotación (Casa Codesal) que o ano pasado mereceu a medalla de ouro de produción láctea en ecolóxico que outorga a Xunta. Falamos co futuro dun dos emblemas do país.

—Como se lles ocorreu transformarse a unha produción ecolóxica?

—A nosa granxa xa ten unha historia, o ano que vén cumpriremos cen anos. Sempre foi familiar e con agricultura tradicional. Nunca usamos demasiados químicos e cando no 2003 demos o paso para producir en ecolóxico, eliminando todos os químicos, fixémolo co convencemento de que era o que tiñamos que facer para diferenciarnos. Non é nada complicado e creemos que en Galicia podería haber moitas máis granxas ecolóxicas.

—Seguro, pero é rendible?

—Si que o é. Ten a súa dificultade porque as vacas deben estar fose todo o ano e tes que producir forraxe suficiente e usar poucos cereais. O produto é algo máis caro, porque o que nós lle damos aos animais custa o dobre que o tradicional. Nunha granxa convencional unha vaca produce o dobre que nunha ecolóxica. Pero na nosa granxa as vacas están moito máis relaxadas e viven máis anos, aínda que producen menos.

—Non se se me convenceu.

—As políticas agrarias e todas as subvencionas que veñan no futuro van primar a produción ecolóxica. É un investimento cara ao futuro. Se queremos competir en algo terá que ser en calidade, non en cantidade. O sabor do noso leite sen dúbida, non ten nada que ver, pero o realmente importante destes produtos é o que non teñen: nin pesticidas, nin químicos.

—Sería capaz de distinguir un vaso de leite das súas vacas á da explotación de ao lado?

—Si. Sobre todo se o comparas co dunha granxa máis industrial.

—Así que unha vaca feliz dá mellor leite.

—Sin duda. As nosas vacas viven fóra, só entran ao ordeño.

—Coñecín a unha adegueira que puña música de Mozart na sala onde fermentaba o viño. Dicía que saía mellor.

—Aquí tamén pomos música. Pero non só polas vacas, tamén por nós, para facernos máis ameno o traballo. Pero cando lles pos música clásica parecen máis relaxadas.

edgardo

—As vacas sempre me pareceron animais pouco empáticos.

—As vacas teñen as súas rutinas e o que non lles gusta é que llas cambies. Nós estamos cada día con elas. Podería dicir que as miñas vacas son como da familia.

—Teranlles nome, claro.

—A todas, si. Pinta, Flamenca, Gallarda, Chenoa... Temos 95 animais, todos con nome.

—Distíngueas?

—Si, acábalas distinguindo.

—Dá a impresión de que cada vez hai menos vacas e menos gandeiros en Galicia.

—Eu creo que non é necesario facer macrogranjas para vivir disto. Galicia debería competir con granxas medianas e moita calidade. Vacas non hai menos, igual ata hai máis. O que hai menos son gandeiros. O campo non se vai a acabar.

—Ten fillos?

—Non.

—A substitución é difícil.

—Ese é un problema que vén de atrás. No noso caso non foi así. Pero sempre se tendeu a infravalorar o campo e os propios gandeiros incitaban aos seus fillos a marcharse. Hai que sentir orgullo e animar aos fillos. Se os teño, gustaríame que seguisen coa granxa. Estimularíalles para que estuden o que queiran, pero se quixesen seguir con isto, axudaríalles a lume de biqueira.

—Bos propósitos.

—Nós sempre dicimos que a nosa historia é a historia dun soño, o do meu bisavó, que era un caseiro que conseguiu comprar a propiedade. O meu avó foi o fillo que quixo quedar. E o meu pai, que puido dedicarse a outra cousa, tamén quedou. Como me ocorreu a min. Isto faime feliz.

—Colle vacacións?

—Pequenas. Fins de semana, unha semana como máximo.

—Bota de menos algo en Friol?

—Non cambiaría por nada o lugar no que vivo. Non boto de menos nada. Sempre houbo una certa desconexión entre o campo e a cidade, pero eu creo que iso está a cambiar e valórallenos cada vez un pouco máis.

—Celta ou Dépor?

—Non son moi futboleiro, pero se teño que escoller un equipo elixo ao Friol C.F.

—Defínase en poucas palabras.

—Son tranquilo, sincero, detallista e un pouco tímido.

—E agora Galicia.

—É o lugar máis marabilloso do mundo.

—Con que se entretén cando non traballa?

—Gústame tocar a gaita. E a zanfona tamén. Todo o que ten que ver coa cultura tradicional gústame.

—Por certo, gústalle o leite?

—Aquí tomamos leite todos os días para almorzar e tamén para cear. Gústame moito.

—Dígame unha canción.

—Polas datas, Nadal de Luíntra de Berrogüetto.

—Que é o máis importante na vida?

—A familia e os amigos. Con eles compartes o camiño da vida.