Arrinca a barra libre para a caza do xabaril en áreas de todas as provincias

j.c. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

A orde de urxencia cinexética afecta a 33 concellos de catro comarcas

11 oct 2019 . Actualizado ás 14:26 h.

A grandes males, grandes remedios. Desde hoxe, os cazadores galegos ven abrirse unha fiestra extraordinaria para a caza practicamente indiscriminada do xabaril nos 33 concellos das comarcas de Betanzos-Eume, Terra Chá, Viana e Deza. Poderase cazar todos os días da semana que non sexan festivos e mesmo establecer esperas nocturnas en zonas atacadas polo xabaril. Son medidas inéditas que pretenden pór freo ao incremento da poboación deste animal e ás reclamacións de danos que se multiplican por toda Galicia.

O decreto establece a temporalidade desta urxencia cinexética e certas limitacións, especialmente nas zonas libres. Ata o 6 de xaneiro do 2020, as cacerías estarán permitidas todos os días. A partir do 7 de xaneiro e ata o 29 de febreiro do 2020, as batidas estarán autorizadas luns, martes, mércores e venres, excepto os festivos. O único requisito para poder levar adiante estas cacerías é unha comunicación previa á Xefatura Territorial cunha antelación mínima de dez días naturais.

O decreto autoriza tamén medidas de garda ou espera. Se os terreos foron afectados xa pola acción do xabaril, o propietario ou un terceiro estará autorizado á garda coa autorización do titular do aproveitamento cinexético. Tamén queda autorizada a utilización de visores de aumento e fontes de iluminación, así como a captura en gaiolas dos xabarís. Estas esperas poderán facerse igualmente en lugares non cinexéticos.

Case 200.000 exemplares

O crecemento da poboación de xabarís está detrás destas medidas extraordinarias aprobadas pola Xunta. De acordo cos cálculos do sindicato Unións Agrarias, en Galicia hai un censo que rolda entre os 175.000 e os 200.000 xabarís que provocan uns danos non inferiores aos 15 millóns nas explotacións agrarias, o maior problema da sobrepoblación.

A Xunta, ademais das medidas aprobadas, está a manter reunións cos tecores das áreas afectadas para pedir a colaboración dos cazadores. Así mesmo reclama a colaboración de concellos e deputacións para unha maior e mellor xestión da biomasa forestal e das zonas de maleza, que son o hábitat perfecto para o desenvolvemento do xabaril. Segundo a Xunta, estas áreas atópanse frecuentemente próximas a terreos cultivados facilitando as incursións do animal. De feito, a propia Xunta admite que detrás da expansión da especie está o cambio de uso no territorio.

Os agricultores alertan tamén sobre o perigo do xabaril como posible transmisor da peste porcina, ao ser unha especie incontrolada.

A caza ao salto, unha alternativa que de momento segue prohibida en Galicia

A chamada caza ao salto é a modalidade de caza máis coñecida e popular en España, tamén en Galicia, aínda que unicamente está permitida para as pezas menores. Trátase de que o cazador e os seus cans, nun número non maior de seis, baten o monte levantando as pezas de caza e disparándoas cando aparecen. Practícase con escopeta, non con rifle, e é fundamental o concurso dos cans. Así é como os afeccionados galegos afrontan a caza da perdiz ou o coello, pezas cada vez máis escasas.

A urxencia cinexética é vista como unha oportunidade por un grupo de cazadores que reclaman á Xunta que autorice este tipo de caza tamén para o xabaril como, segundo din, xa se fai en Cataluña e outras comunidades autónomas. Este colectivo considera que a caza ao salto do xabaril sería moito máis eficaz para reducir a sobrepoblación do animal xa que achegaría maior flexibilidade para que os cazadores saísen en función do seu tempo libre. Na actualidade, unha batida de xabaril require organizar a un grupo numeroso de cazadores que se reparten en postos para disparar ao xabaril cando se achega azuzado polos cans. O normal é que non se organicen máis que en fins de semana para aproveitar a dispoñibilidade dun grupo amplo de cazadores que permita levar adiante a batida.