O trampeo masivo e a retirada de niños xa non abondan contra a velutina

Mónica Pérez Vilar
Mónica P. Vilar REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

MARTINA MISER

Expertos piden unha loita máis selectiva para non afectar os insectos locais

28 ago 2019 . Actualizado ás 15:38 h.

«A colocación de trampas para a captura de raíñas pode ser un método importante na loita contra a avespa velutina, xa que cada raíña capturada suporá que haberá un niño menos no contorno». Así arrinca o protocolo co que Medio Rural anima aos apicultores a utilizar o trampeo como método contra a avespa asiática. De feito, a consellería leva desde o 2015 repartindo cebos para este insecto, algo que tamén fan algunhas asociacións apícolas. Desde Xunta a mesmo proporcionan instrucións para a elaboración de trampas caseiras sinxelas a partir de botellas de plástico en cuxo interior se coloca algún atraente comercial ou de elaboración propia. O gran problema é que a maioría desas sustancias non só seducen á velutina. Abellas e outros insectos tamén caen nas súas redes.

É por iso polo que os expertos empezaron a alertar contra o trampeo masivou. En caso de recorrer aos cebos, recomendan que as trampas se coloquen de xeito selectivo, preto de colmenares que estean claramente ameazados ou en zonas onde se prevexa unha alta presenza de raíñas, como as próximas a cursos de auga, froiteiras ou árbores como os camelios. Outra opción máis laboriosa, pois require a revisión máis frecuente dos artefactos, sería non pór líquido nas trampas para que os insectos non se afoguen e poder liberalos se os atrapados non son velutinas.

Diversas investigacións en marcha en Galicia e noutros países tratan de dar con sustancias que resulten atractivas unicamente ás avespas asiáticas. Así, no campus de Lugo da USC xa se conseguiron sintetizar dúas feromonas que atraen aos machos da especie invasora. A mesma arma agardan ter lista para comercializar no 2020 investigadores da Universidade francesa de Tours. As pescudas dos científicos tamén se encamiñan a atopar biocidas que non afecten a outros insectos e que as propias avespas poidan portar ata os niños, de maneira que afecten aos outros membros do enxame.

Retirada de niños

A eliminación de niños converteuse na principal actividade dos grupos de urxencias e protección civil en numerosos municipios galegos. Os métodos son diversos, pero uno dos máis habituais pasa por inyectar no seu interior un insecticida, ben directamente ou ben cunha pértega se se atopa a gran altura. O principal problema é que a sustancia elixida pode ter unha alta toxicidade, como no caso do Diptron. Segundo apunta o experto en pragas Lolo Andrade, isto pode derivar en problemas ambientais e mesmo podería converterse no talón de Aquiles da gran esperanza xurdida na loita contra a velutina: o abelleiro europeo. Andrade apunta a súa preocupación ante a posibilidade de que esta ave rapaz poida intoxicarse ao consumir larvas contaminadas co veleno.

Máis inocuo é asperxer os niños con espráis de cipermetrina, letal para as avespas pero menos daniño para o medio ambiente e para quen o manipula. Os velenos tamén poden inxectarse con sistemas máis sofisticados, como drones ou mesmo disparando proxectís tipo paintball cheos de veleno cunha metralladora importada de EE. UU. coa que conta o equipo de Protección Civil de Cambre. Unha vez aplicados os insecticidas, os niños poden ser retirados manualmente, preferiblemente á tardiña ou durante a noite.

Facer explotar os niños é outra das opcións, co beneficio engadido de que non se deixan restos de sustancias tóxicas na contorna. Unha lanza ou pértega pode servir para colocar un pequeno artefacto que servirá para fulminar o fogar das avespas invasoras.

Protección das colmeas

En canto á protección de colmenares, hai poucos métodos efectivos. Cando na zona hai moitos insectos depredadores unha opción é colocar sobre as colmeas botes cunha mestura de auga quente, mel, vinagre, algunha bebida alcohólica (vermú, ron, xenebra, augardente) e unha gota de deterxente. Atraídos polo cebo, os animais acoden e afóganse. A outra opción é a instalación de arpas eléctricas, un sistema de arames electrificados separados entre si por poucos centímetros, os suficientes para deixar pasar a abéllalas pero impedir que as velutinas crucen sen tocar o metal e recibir a consecuente descarga.