Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

Juana Otero: «A rivalidade entre a escola pública e a privada só é descoñecemento»

Sara Carreira Piñeiro
sara carreira A CORUÑA / LA VOZ

GALICIA

ANGEL MANSO

Considera os colexios relixiosos un complemento imprescindible para que haxa verdadeira liberdade de elección

16 ene 2020 . Actualizado á 18:57 h.

A coruñesa Juana Otero é a nova secretaria autonómica de Escolas Católicas, unha entidade que agrupa a uns 120 colexios concertados na comunidade. É a primeira muller que acada este posto, no que cre que é unha tendencia á alza, a chegada das mulleres aos postos de responsabilidade, porque elas asumen a súa propia visibilidade, a súa propia importancia.

-Foi directora das jesuitinas da Coruña, un centro que leva anos usando o comprimido como alternativa ao libro. Quere exportar esta aprendizaxe a Escolas Católicas?

-En Escolas xa se está facendo. Hai un equipo TAC [tecnoloxías da aprendizaxe e o coñecemento] formado por persoas que foron pioneiras nos seus colexios e agora trátase de levar todo iso aos demais, que os colexios que aínda non se animaron vexan que é posible. Fixemos a semana pasada unha xornada sobre iso precisamente.

-Pídenlles axuda os centros ante o reto da tecnoloxía?

-Si, de feito hai moitos que visitan os colexios pioneiros. Se ti queres que o teu colexio conecte coa realidade, tes que contar coas tecnoloxías, e non as imos a chamar novas: non o son.

-Que opina da nova conselleira, á que coñece? Que espera dela?

-Paréceme unha persoa próxima, moi competente e que coñece ben a realidade dos centros; iso é moi importante. Que agardo? Que sexa sensible á liberdade de ensino e que saiba xestionar ben esa competencia entre concertados e públicos.

-Hai unha loita escola concertada-escola publica?

-Creo que hai unha especie de rivalidade que non tería que existir e que é só descoñecemento. Temos que ser complementarios, pero para iso hai mitos que temos que ir rompendo.

-Falando da concertada e a pública, as referencias que fixo a ministra Isabel Celaá sobre o abuso dalgúns colexios aféctanlle, ten medo? Ou considéranse dentro do grupo que a ministra cualificou como escola que fai ben o seu traballo?

-Temos claro o que somos. Temos un ideario e é o que achegamos de distinto a un colexio publico. Hai que ir vendo as actuacións, claro, estamos á expectativa, pero non pensamos que vaia contra nós. Nós queremos que se nos vexa como o que somos, complementarios. Se non hai colexios diferentes, non se pode elixir, e se non se pode elixir, non hai liberdade.

-A xente por que vai á escola concertada: polo ideario, por un claustro estable...?

-Polo ideario. Se un elixe un colexio católico, sabe que á educación en valores váiselle dar moita importancia, que lles van a transmitir aos seus fillos valores cos que está de acordo. É verdade que despois algunha familia elíxeo polo horario e que non todo o mundo que está nun colexio relixioso coincide totalmente coas ideas, pero se entras, sabes o que vai ocorrer.

-A selección de profesores sempre está na polémica concertada. Se o ministerio lles animase a elixir os seus traballadores de entre os que aproban unha oposición, faríano?

-Nunca mo expuxen. Creo que a selección de profesores é parte da nosa liberdade. Poder elixir. Os nosos procesos de selección tampouco son sinxelos: esiximos que estean moi ben formados. E non todos teñen por que sacar unha oposición, iso será quen así o deciden; se eu teño claro que quero outra cousa, tamén me preparo, pero de forma diferente, porque os nosos centros son moi esixentes: teño que ter inglés ou un idioma, o Celga e formación da DECA [Declaración Eclesiástica de Competencia Académica], porque vou entrar nun colexio destas características.

-En Cataluña, Madrid e Murcia subvenciónase o bacharelato. Están os colexios concertados galegos discriminados?

-Si, si que o estamos, porque hai moita xente que non se pode permitir pagar o bacharelato. Tamén nos gustaría que se subvencionase o transporte e o comedor en primaria e secundaria.

«Os profesores temos que habituarnos a traballar de forma colaborativa»

Defensora das metodoloxías máis participativas, ten claro cal é a fundamental:

-Sen dúbida, o traballo cooperativo. Creo que con el pódese facer calquera tipo de aprendizaxe. Paréceme que é o mellor xeito de educar: os nenos teñen que traballar uns con outros, ver outros puntos de vista. Este tipo de traballo é o que lles vai a dar as ferramentas para a vida real. Ademais, é a mellor forma de conseguir a inclusión. Claro que aplicalo ben é complicado, moi complicado, pero é unha marabilla como cambia o ambiente da clase, en todos os aspectos. O profesor está aí e vela polos alumnos, pero son os nenos os que se autogestionan.

-Non se pode confundir colaborativo con sentar aos nenos de catro en catro, e listo.

-Non, non podes pór a catro nenos e dicirlles: «Agora ides traballar en cooperativo». Teñen que traballar antes as habilidades sociais. É un proceso para que desenvolvan de forma eficaz a súa tarefa. Teslles que ensinar, e para iso hai que ter moi claro como se traballa. Ás veces cremos que podemos aplicalo, pero para facelo con éxito temos que coñecelo moi ben. Por iso nós fixemos un curso, cos irmáns Johnson, precursores desta metodoloxía, e era media parte presencial, media en liña, e no curso traballamos todos os aspectos: tiñamos un equipo e todo o que iamos desenvolver na aula faciámolo en grupo. Está claro que para aplicalo en clase tes que vivilo ti.

-Se cambia as relacións na aula, tamén as cambiará na sala de profesores.

-Os profesores témonos que acostumar. Niso somos bastante illa. Non estamos acostumados a que nos miren, e cústanos ás veces. Méteste nunha aula e aí quédaste, non te reflictes en ninguén, ninguén che di nada. Hai que cambiar esa visión: levamos anos neste proceso de innovación, por dicilo dalgunha forma, e veu moita xente a vernos e foise rompendo ese illamento.

«Se pides currículos, en infantil chegan os de oito mulleres e os de dous homes»

A presenza de mulleres diminúe conforme as etapas avanzan (e gañan en prestixio social).

-Por que non hai homes en infantil?

-Estaría moi ben, pero supoño que é un reflexo da sociedade, porque, se pides currículos, véñenche, non sei, os de oito mulleres e os de dous homes. Nós nas jesuitinas temos un home en infantil, pero non tivemos máis opcións. Aínda que creo que as cousas están a evolucionar, e a implicación dos homes no coidado dos fillos aumenta: ás reunións con profesores adoitan ir pai e nai.

«Aos docentes pedímoslles que teñan a DECA porque queremos compromiso»

Cre que o gran reto de Escolas Católicas é facer unha escola competente que eduque aos alumnos para unha sociedade plural.

-Non é difícil ser plural cando non se deixa ás familias elixir unha alternativa á materia de Relixión Católica?

-A clase de Relixión non é unha catequese. Nos nosos centros, a persoa edúcase dun xeito integral, e a relixión é parte desa educación. É educar na transcendencia, nuns coñecementos que tamén son culturais. Non é adoutrinar. A clase de Relixión ten que ser vista como parte da nosa cultura, dos nosos pasado, das nosas raíces.

-É cultura, sen dúbida, pero a lei di que o colexio ten que dar ás familias unha opción alternativa e iso non sempre ocorre.

-Creo que non se deixa un caso sen dar solución. Se alguén cre que non se atende os seus dereitos, ten que reclamar ante o colexio.

-A actividade relixiosa chega aos profesores. En primaria sobre todo pídeselles a DECA, unha declaración da Conferencia Episcopal obtida tras un curso [que custa entre 800 e 1.700 euros], e en secundaria quéixanse de que se lles presiona para facer certa actividade pastoral.

-O que se esixe é compromiso. Non se pode ensinar o que ti non dominas ou non vives. Se ti queres que no teu colexio haxa unha serie de profesores que eduquen ben, que transmitan os valores que ti crees importantes, necesitas persoas que os vivan de verdade. Se cres no que fas, es máis capaz.