Pelexando por renovar o billete a Bruxelas

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Edgardo

Os catro deputados galegos en Europa buscan o apoio dos seus partidos para repetir candidaturas

21 oct 2018 . Actualizado ás 12:31 h.

Só unhas horas despois de que Alcoa anunciase a súa intención de pechar as plantas da Coruña e Avilés, deixando a 690 traballadores en albas, a eurodeputada Lidia Senra (En Marea) pedía desde Bruxelas que se reclamase o diñeiro público investido na compaña, mentres José Blanco (PSOE) ía un pouco máis aló e rexistraba unha iniciativa dirixida á Comisión Europea emprazándoa a combater as prácticas comerciais desleais derivadas da sobreproducción asiática e evitar así a perda de músculo industrial no continente, pois o de Alcoa se suma ao peche de plantas de Caterpillar, Alstom ou Vestas. Un día máis tarde, tamén a deputada Ana Mirada (BNG) rexistraba unha iniciativa parecida.

Os xestos áxiles de Senra, Blanco ou Miranda son a proba máis evidente de que iniciaron a súa campaña de exhibición de méritos para intentar revalidar o seu escano no Parlamento Europeo, unha decisión que non depende deles, senón da xefatura das súas organizacións políticas.

Galicia conta actualmente con catro eurodeputados: Francisco Millán Mon (PP), José Blanco (PSOE), Lidia Senra, elixida por AGE Europa, agora baixo o paraugas de En Marea, e desde febreiro tamén Ana Miranda (BNG), por rotación co escano de Bildu . E ningún mostrou a máis mínima disposición a facerse ao carón para facilitar a substitución nas eleccións europeas. Máis ben ao contrario, todos eles queren renovar en maio o seu pasaporte a Bruxelas.

A carreira política de Millán Mon foi moi ligada á do seu gran valedor, Mariano Rajoy, á vez o seu cuñado, pero o seu final non ten por que ser parello. No Grupo Popular Europeo é unha prezada peza, polos seus coñecementos de comercio internacional, do mesmo xeito que o valora Feijoo. Suma xa 15 anos de eurodeputado, pero se quere renovar o pasaporte non vai ter problemas. Se seica, o que intentará o PPdeG é contar con dous representantes, e entre os posibles hai nomes como o de Irene Garrido.

Con José Blanco son diferentes as cousas. No seu debut como eurodeputado se mostrou moi activo, sobre todo no campo das enerxías renovables, pero Bruxelas é para el unha especie de Coliseo no que pelexar como gladiador polo seu futuro. E quen decide é Pedro Sánchez, no papel de emperador, e por agora non está claro se o seu pulgar apunta cara arriba ou cara abaixo.

Máis complicada é aínda a situación de En Marea. A dirección que encabeza Luís Villares valora moito a colaboración que tivo de Lidia Senra, o seu claro referente en Europa. Pero hai aínda moitas etapas que queimar, empezando por definir a fórmula en que se acudirá ás eleccións. Algo parecido ten que facer o BNG, aínda que o seu referente indiscutible para Europa é e será Ana Miranda.

O escano europeo é un caramelo para calquera político: salario de 7.956 euros mensuais, unha dieta diaria de 304 euros para aloxamento e gastos, viaxes gratis e 4.299 euros máis para gastos no país de orixe. «París ben vale unha misa», dixo aquel rei hugonote, Enrique IV, que se fixo católico para acceder ao trono. Pois Bruxelas ben vale dous.