26 concellos galegos non teñen colexio

Sara Carreira Piñeiro
sara carreira REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

emilio moldes

Outros 139 municipios só dispoñen dun centro educativo para nenos menores de doce anos

12 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Que futuro ten un municipio que careza de gardería ou colexio? Pois en Galicia hai 26 onde non hai nin escola infantil (gardería) nin centro de primaria, e iso supón un 8,3 % do total de concellos. A maior parte están en Ourense (22) fronte aos 3 de Lugo (Negueira de Muñiz, Ourol e Ribeira de Piquín) e un na Coruña (Irixoa). Hai un caso singular, o de Vilamarín (Ourense), onde os nenos teñen que cambiar de concello para ir ao colexio (a Cambeo, no próximo Coles) pero volven ao seu territorio para facer FP, xa que Vilamarín ten un instituto, e moi interesante, con hostalería.

O seguinte é un percorrido pola relación colexios (só infantil e/ou primaria) e municipios a partir dos datos dispoñibles na web da Xunta:

Cun só centro

O 44 % do total. Son moitos os concellos cun único centro para nenos pequenos: 139. Todos son públicos e a práctica totalidade, centros de infantil e primaria (CEIP, que suman 113) aínda que tamén hai bastantes, ata 24, CPI (colexio público de infantil, primaria e secundaria). Hai dous casos curiosos: en Taboadela e en Solbeira (Paderne de Allariz) hai escola infantil pero non colexio.

Menos de dez

Dous ou tres, o habitual. Entre dous e dez colexios hai outros 139 concellos galaicos. Por suposto, deste grupo a maior parte (catro de cada dez) teñen dous centros educativos para nenos de ata doce anos. Hai de todo, municipios con dous CEIP (Barbadás ou Chantada), cun colexio privado e outro público (Arzúa ou Celanova), con varias unitarias integradas e un CPI (Dodro), cun CPI e un CEIP (Miño) ou mesmo con dúas escolas infantís (Paderne). Para ter tres colexios de nenos pequenos, o municipio xa adoita ter certa entidade: Betanzos, Fisterra, Melide, Laxe, Ordes, Silleda, As Pontes, Verín... son 23 os concellos así.

Intermedios. Sada ten 4 colexios e Viveiro, 6. En Lalín hai 7 e en Carballo e Boiro, 8. Marín ten 9 e con 10 centros hai catro municipios: Arteixo, Cangas, Narón e Tui. Os tres primeiros deste grupo son, como se pode ver, áreas periurbanas; o caso de Tui é peculiar polo seu carácter transfronteirizo.

As cidades, máis de dez

Cabeceiras de comarca. Vilagarcía e Ribeira, ambas as cabeceiras de comarca, teñen dez colexios cada unha. Son cidades puxantes, como lle ocorre a Redondela.

As cidades. Finalmente, son as sete cidades galegas máis importantes as que pasan de vinte colexios cada unha. Ferrol, Lugo e Pontevedra móvense na pinza de 20 a 30 centros; e entre 30 e 40 teñen Ourense e Santiago. Distánciase lixeiramente A Coruña, con 47 colexios con primaria e escolas infantís. Hai que ter en conta que nesta listaxe non aparecen os centros que só teñen secundaria.

Vigo, un caso único. En Vigo hai case 100 centros educativos para nenos pequenos. Unha marca en Galicia, habitual desde hai moitos anos, xa que duplica longamente os datos da seguinte cidade, A Coruña.

Con menos de seis alumnos, péchase; con máis, algunhas veces tamén se clausura

A norma xeral da Xunta é que un centro (xa sexa de infantil ou primaria) que ten menos de seis alumnos tense que pechar. Enténdese que cunha cifra así se fai insostible o seu mantemento e os alumnos son trasladados á escola ou colexio máis próximo. Pero ás veces ocorre que con máis alumnos tamén se clausura o colexio. O último caso foi o CEIP Emilio de Navasqüés, do Cruceiro de Roo, en Outes. Ao rematar o curso pasado, o centro clausurouse e agora os nenos acoden ao CEIP de Outes (antes CEIP A Serra de Outes). Eran 73 menores os que estaban escolarizados no colexio de infantil e primaria e 180 os do centro que os acolleu. O motivo do traslado era unificar as aulas para mellorar os servizos: máis auxiliares (expertos en pedagoxía e en linguaxe), así como comedor. O transporte, por suposto, corre a cargo da Xunta.

O ano pasado houbo ademais outros traslados -nas Pontes, Ribadavia e O Porriño-, entre CPI e colexios e institutos moi próximos no espazo.

Máis difícil é abrir un colexio. Nos últimos anos ampliáronse aulas (como en Betanzos ou Arteixo), e abríronse institutos no Milladoiro e Culleredo, cidades na contorna de Santiago e A Coruña, respectivamente, onde vive a xente nova que traballa na cidade. Na urbe coruñesa vaise abrir un colexio nun destes barrios-dormitorio, Mesoiro.