Albor: «Un, dous ou tres anos máis aínda podo conseguilos, porque me coido»

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Álvaro Ballesteros

O expresidente da Xunta celebra os 100 anos reunindo a todos os seus fillos e o PP felicítao cun vídeo

08 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Gerardo Fernández Albor cumpriu o xoves 100 anos e mira ao futuro cun optimismo envexable. Declárase «atafegado» pola onda de felicitacións, chamadas e mensaxes que recibiu na súa casa, a vila Neverland do lugar de Biduído (Ames), e apunta confiado: «Un, dous ou tres anos máis aínda podo conseguilos, porque me coido».

O terceiro presidente da Xunta, despois de Antonio Rosón e de José Quiroga, pero o primeiro elixido nas urnas polo pobo galego, celebrou onte o seu aniversario en familia, reunindo en casa a todos os seus fillos, sete, e a gran parte dos seus netos e bisnietos, para apagar as velas a última hora da tarde. «O único que podo facer é dar as grazas a toda a xente polo cariño que recibo», manifestou Albor nunha breve conversación telefónica.

As felicitacións ao home que foi protagonista do nacemento do autogoberno galego foron constantes ao longo de toda a xornada. «Aquí non se pararon de recibir mensaxes», admitiu un dos netos do expresidente, mentres varios dirixentes do Partido Popular encargábanse de estender as felicitacións ás redes sociais.

«O primeiro presidente electo da Xunta e presidente do PPdeG, don Gerardo Fernández Albor, cumpre 100 anos. Parabéns, presidente, e de hoxe nun ano!», colgou en Twitter a dirección do PP na provincia de Pontevedra, xunto a unha foto na que aparecía Alfonso Rueda abrazando ao presidente de honra do partido.

Comentarios similares foron realizados por Manuel Baltar, presidente do PP ourensán, ou Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG. O propio partido colgou unha fotografía do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, dunha recente visita que fixo a Albor na súa casa. «Nos próximos días poderemos ver a súa conversa», engadía o comentario en Twitter.

E é que os populares, baixo a coordinación do Foro Galicia Milenio, teñen previsto renderlle unha homenaxe ao expresidente autonómico os próximos días 15 e 16, a través dun simposio da Universidade de Santiago, polo que desfilarán diversos expertos para analizar a biografía de Albor e a época que lle tocou vivir, simposio que será clausurado ao alimón polos presidente da Xunta e do Goberno de España, Mariano Rajoy, que lle imporá a Albor a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo.

Pero o PPdeG non agardou á homenaxe e agasallou a Albor cun vídeo no que repasa en imaxes a súa traxectoria política. O propio Feijoo fixo alusión ao expresidente na rolda de prensa posterior ao Consello, dando por feito que a celebran que o dirixente que botou a andar o autogoberno en Galicia cumpra 100 anos en «óptimas condicións».