Santiago Pemán: «Co tempo non temos memoria»

Antía Urgorri Serantes
Antía Urgorri REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Cre que as borrascas, máis propias de decembro, chegan «un pouco fóra de hora»

06 feb 2014 . Actualizado á 07:00 h.

Ninguén como el, home do tempo durante 25 anos na pequena pantalla, para analizar o tren de borrascas que azoutan Galicia desde hai mes e medio: «Chegan un pouco fóra de hora, este tempo é máis propio de decembro-xaneiro», matiza.

-Estamos ante unha situación meteorolóxica excepcional?

-Son temporais que non son propios desta época, moi violentos e que están a chegar de forma moi continua. Pero tamén inflúe que, co tempo, non temos memoria. En 1998, Vilagarcía non puido tomarse as uvas porque quedou sen luz por un forte temporal que houbo; o 2001 tamén foi un ano de moitas choivas e vento; e a segunda parte dos 80, cando eu empezaba na televisión -creo que foi o 88- foi tremendo de temporais.

-E esas ondas tan impresionantes? Hai homes do mar veteranos que non as lembran así...

-Hai que ter unha cousa clara: non sei pediulle permiso ao mar para facer determinadas cousas. Está a construírse moi preto do mar. E hai invernos que non ocorre nada, pero logo chega unha onda destas, e pasa o que pasa.

-Como se explica a orixe destes episodios extremos?

-O que hai que investigar é é por que prodúcense esas linguas de aire frío, que están en Terranova; por que zonas do Ártico están a máis graos do que deberían; por que o mar antes cheiraba a iodo, a mar, e agora... agora non cheira!

-Cando virá o bo tempo?

-Pois ese tempo que debería haber en febreiro, de frío, pero non de tanto temporal, eu non o vexo, e o 19 de marzo está aí ao lado. O que está claro é que despois do que temos, cando chegue un día de sol vai parecer o Caribe.

-Será pronto?

-Non se sabe. Isto moléstanos máis, porque é mal tempo... Estamos metidos dentro do vórtice das alertas, pero deica pouco non nos acordaremos.