Chega a Aula Newton que fará voar as vocacións científicas

GALICIA INNOVA

Santi M. Amil

Instalada permanentemente no Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas, Ourense, a iniciativa é unha oportunidade para que os mozos se acheguen á ciencia de forma innovadora, grazas á colaboración da Xunta, Boeing e First Scandinavia

25 oct 2021 . Actualizado ás 14:08 h.

Galicia conta desde esta semana cunha Aula Newton permanente. Está no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, xa empezou a xerar curiosidade entre estudantes galegos, e moi pronto se verá se cumpre o seu obxectivo, que non é outro que espertar as vocacións científicas entre a mocidade pondo á súa disposición tecnoloxías atractivas nun espazo innovador que invite a penetrarse en experiencias relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas. A longo prazo, o froito será a formación de expertos profesionais con empregos de calidade.

A iniciativa, que é a primeira estable en España, corre a cargo da empresa aeronáutica Boeing, a oenegué norueguesa First Scandinavia e a colaboración da Xunta a través do programa Voando alto, sumando vocacións, da Axencia Galega de Innovación (Gain). Non se trata dunha experiencia descoñecida, xa que a cidade de Lugo acolleu hai dous anos una das aulas móbiles e itinerantes. É un formato de aprendizaxe innovadora pero ao mesmo tempo moi testado, como o demostra o bo funcionamento das corenta aulas que a entidade sen ánimo de lucro escandinava implantou en Noruega , priorizando as comarcas rurais e facilitando o coñecemento aos estudantes co apoio de profesores especializados.

 Tecnópole conta cun amplo currículo na organización de actividades formativas para estudantes, con proxección a toda Galicia, e os centros de ensino secundario xa poden inscribirse na web newtonroom.com para solicitar cita. Admítense reservas para un máximo de 36 alumnos e un mínimo de 18, de entre 14 e 16 anos, cun horario único os venres, de 9.30 a 14.15 horas. A actividade é gratuíta, pero o centro educativo terá que facerse cargo da xestión e gasto do transporte de autobús.

«Énchenos de orgullo que Galicia sexa a primeira comunidade española en contar cunha Aula Newton permanente», afirmou na inauguración das instalacións Angela Natale, directora xeral de Boeing para o sur de Europa. Stian Elstad, director xeral de First Scandinavia, tamén expresou o seu desexo de que «o sector industrial e os gobernos de toda España se fixen en Newton Galicia e que poidamos REVISAR aproveitar o seu éxito para ampliar a rede de aulas en todo o país», despregando novos programas e métodos educativos para estimular a curiosidade.

Unha carreira en galicia

Galicia apontoa desta forma unha intensa relación coa empresa Boeing, clave no desenvolvemento do Polo Aeroespacial de Galicia a través do proxecto Xestión e seguridade de tráfico para espazos aéreos compartidos, unha iniciativa para avanzar nos retos operativos relacionados co despregamento de aeronaves non tripuladas. A consolidación do polo, no que tamén participan como socios Babcock, Indra e medio centenar de pemes e centros de coñecemento galegos, pasa por afianzar un modelo de colaboración público-privada, tal como apuntou na inauguración da aula o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, que tamén se mostrou esperanzado en poder dar un «salto de calidade» coa chegada dos fondos Next Generation. Esta achega, por definir, terá no 2022 unha sólida base a través dos orzamentos autonómicos, cunha achega que acadará os 27,4 millóns de euros para garantir o impacto industrial, impulsar a comercialización de novos produtos e a crear emprego cualificado. No referente aos proxectos educativos como a Aula Newton, os horizontes sitúanse a longo prazo, pero no ámbito industrial e comercial hai futuro e presente. Conde sinalou que o sector do talento e a innovación, e máis concretamente o relacionado co mundo aeroespacial, foi o que xerou máis empresas durante a pandemia en Galicia. A previsión é que no 2030 a facturación acade os 10.000 millóns anuais.

O Polo Aeroespacial de Galicia ten tres obxectivos para o período 2021-2025: o desenvolvemento industrial; o fomento das capacidades tecnolóxicas e innovadoras a través da xeración e transferencia do coñecemento ao mercado; e a garantía de emprego de calidade, co horizonte de contar con tres mil postos de traballo relacionados co sector aeroespacial, no seu segmento de vehículos non tripulados.

Baixo estas premisas desenvólvense unha serie de actuacións baseadas na colaboración institucional e público-privada, que van desde o financiamento de programas de I+D+i para buscar tecnoloxías disruptivas ata actividades escolares para promover as vocacións científicas. Unha das liñas de traballo que se consideran esenciais para o futuro do Polo é a extensión do seu impacto fóra de Galicia, para á súa vez impulsar mercados públicos e privados que busquen respostas nas solucións desenvolvidas polas empresas galegas.

A Xunta xa comprometeu para este período preto de setenta millóns de euros, ademais de apoiar a iniciativa como un dos proxectos tractores que integran a candidatura da comunidade aos fondos Next Generation, a través dos cales se pretenden mobilizar 540 millóns de euros de procedencia pública e privada. Esta vía permitiría o despegamento de entre catro e oito empresas tractoras e a implantación de vinte soluciones tecnolóxicas, así como a creación de 24 empresas.