O Polo Aeroespacial de Galicia contará con 27,4 millóns de orzamento autonómico

La Voz

GALICIA INNOVA

cedida

O obxectivo do Goberno galego é afianzar a pegada industrial do proxecto, impulsar a comercialización de novos produtos e crear emprego cualificado

20 oct 2021 . Actualizado ás 17:00 h.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, insistiu na aposta da Xunta de Galicia no desenvolvemento do Polo Aeroespacial de Galicia, iniciativa que contará nos próximos orzamentos do 2022 con 27,4 millóns de euros. Con estes recursos, o Goberno galego quere lograr o obxectivo de consolidar a pegada industrial, impulsar a comercialización de novos produtos e crear emprego cualificado.

Así o destacou onte durante a inauguración no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) de San Cibrao das Viñas da primeira Aula Newton permanente de España, un proxecto promovido por Boeing e a organización sen ánimo de lucro First Scandinavia coa colaboración da Xunta de Galicia a través do programa Voando alto, sumando vocacións da Axencia Galega de Innovación (Gain).

Conde asegurou que este aula espertará na mocidade o interese por actividades que van ser moi demandadas nun futuro próximo, polo que vén achegar aos máis novos o talento, a innovación e sectores como o aeroespacial que teñen tanta proxección desde o punto de vista de xeración de emprego en Galicia, facendo referencia a que foi no ámbito no que máis empresas se crearon durante a pandemia en Galicia.

Neste sentido, o vicepresidente económico valorou a capacidade de anticipación da Comunidade coa posta en marcha no 2015 do Polo Aeroespacial e que conta coa colaboración dos socios estratéxicos como Boeing, Babcock e Indra e de máis de 50 pemes e centros de coñecemento galegos.

Así mesmo, apuntou que para a consolidación do Polo vai ser fundamental afianzar o modelo de colaboración público-privada levado a cabo ata agora, ao mesmo tempo que indicou que os fondos europeos Next Generation deben supor un salto de calidade para este proxecto.No que respecta á iniciativa privada, Francisco Conde manifestou a súa confianza en que se poidan materializar as boas sensacións recibidas ata agora coas dez propostas que se presentaron á convocatoria da Xunta para ser futuros socios industriais desta iniciativa de cara aos próximos cinco anos.

Iniciativa pioneira en España

Tras consolidar un gran éxito en diferentes países europeos, a aula Newton chegou hoxe á Tecnópole co obxectivo principal de que os estudantes de entre 14 e 16 anos achéguense ás materias de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas (STEM) dun xeito innovador e divertida, empregando equipos de alta calidade, colaborando e debatendo. Segundo a Xunta, será unha infraestrutura ao servizo dos máis novos que queren ter ese primeiro contacto co desenvolvemento das novas tecnoloxías. Francisco Conde agradece a Boeing que, no seu compromiso para desenvolver solucións innovadoras e tecnolóxicas, teña na formación unha das súas prioridades. A Administración galega considera que esta idea chega nun momento no que resulta imprescindible educar na innovación e o emprendimiento para estimular o talento nas futuras xeracións.