Doctorarse nunha empresa

Juan María Capeáns Garrido
JUAN CAPEÁNS REDACCIÓN

GALICIA INNOVA

SANDRA ALONSO

Galicia lanza a convocatoria de axudas para o programa de Doutoramento Industrial, co que busca que estudantes do sistema universitario galego completen as súas teses integrados no tecido produtivo e en centros tecnolóxicos

20 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha inmersión total nunha empresa, unha industria ou un centro tecnolóxico. É o que busca o lanzamento da convocatoria de axudas para o programa de Doutoramento Industrial por parte da Xunta de Galicia. A iniciativa conta cun orzamento de 1,9 millóns de euros e responde ao obxectivo do Goberno autonómico de levantar o talento e xerar emprego de calidade, de forma que 15 estudantes poidan desenvolver a súa tese doutoral integrados nas dinámicas de decisión empresarial e industrial sobre o que versará o ensaio académico.

?O programa, promovido desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, canalizado a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está dirixido a alumnos do sistema galego de educación superior, que recalarán en empresas con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, onde poderán desenvolver as súas teses.

?O persoal investigador debe matricularse nun programa de doutoramento en calquera das tres universidades e ter un director de tese vinculado á iniciativa, co que abordará a temática e a evolución da investigación, que deberá orientarse necesariamente cara á resolución de necesidades e problemas concretos da firma ou o centro tecnolóxico en cuestión. Entre os obxectivos que deberán marcarse alumno e titor está favorecer a investigación colaborativa e os procesos de transferencia de coñecemento, mentres que a parte empresarial se porá como meta a formación da mocidade investigadora e a súa integración no mundo laboral.

Ata o 5 de novembro

As axudas, que se repartirán a partir do orzamento de preto de dous millóns de euros, pódense solicitar ata o próximo 5 de novembro, e están dirixidas tanto a empresas e centros de innovación e tecnoloxía como ás universidades galegas, e inclúen os custos de contratación, os gastos relacionados co proxecto e o apoio necesario para a realización de estancias de tres meses no estranxeiro.

?A convocatoria especifica que os aspirantes deben abordar proxectos de investigación ou estudos para desenvolver produtos, procesos ou servizos novos ou que melloren os xa existentes. Ademais de implicar unha colaboración efectiva entre unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía e unha universidade do sistema universitario de Galicia, o proxecto de doutoramento industrial debe supor un avance de coñecemento suficientemente xustificado para dar lugar a unha tese doutoral. A convocatoria concreta que quedan excluídas as investigacións que se realicen baixo contrato ou a prestación de servizos de investigación.

?Pola súa banda, as achegas ás empresas servirán para cubrir un contrato predoctoral industrial dun máximo de tres anos de duración; terán un complemento anual para cubrir gastos asociados á contratación e o seguro para o período da estancia, e tamén para garantir que esas saídas ao estranxeiro facilitan a mención como doutor internacional. As axudas serán para un período máximo de tres anos, contados a partir da data de inicio do contrato, que se pode formalizar a partir do 1 de novembro.

?O importe máximo de cada axuda é de 24.000 euros anuais por contrato. Esa cantidade soamente poderá ir destinada ao financiamento dun contrato a tempo completo, incluíndo os seus custos sociais. Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada será esta a que deberá achegar a diferenza. Pola súa banda, as universidades implicadas poderán recibir 10.000 euros por cada investigador.

As investigacións

A Xunta marca algunhas liñas prioritarias de investigación nas que enmarcar as axudas. Así, encaixarían aqueles contratos que permitan profundar na valorización dos recursos do mar e a modernización da acuicultura, con especial incidencia na recuperación de residuos, os descartes da pesca ou os restos da industria conserveira. Tamén se busca a realización de tese que axuden ao avance dos sectores agrogandeiro e forestal, buscando a eficiencia e rendibilidade das explotacións e a xeración de novos produtos innovadores. A obtención de enerxía a partir de recursos naturais ou o impulso tecnolóxico do sector turístico e cultural tamén son liñas prioritarias, co obxectivo de mellorar o posicionamento competitivo de Galicia. E, en xeral, calquera proposta que permita un cambio de orientación dos negocios cara á dixitalización, con máis interese se se trata de actividades tractoras na economía galega. Para rematar, valoraranse as iniciativas que teñan como obxectivo un modelo de vida máis saudable, o envellecemento activo, a autonomía persoal ou a detección e o tratamento de enfermidades.

Complementario

O novo programa vén completar as medidas que desde a Xunta se están pondo en marcha co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no ámbito da investigación para fortalecer a colaboración entre universidades e os centros tecnolóxicos, de forma que se facilite a transferencia dos resultados ao tecido empresarial. Anteriormente ao doutoramento industrial impulsáronse outras iniciativas como o programa Principia, que xa facilitou a contratación de 648 persoas novas en empresas e organismos de investigación. Ou o Oportunius, que axudou a realizar sete contratos a beneficiarios de axudas ERC. Pola súa banda, Talento Sénior impulsou a contratación de 49 profesionais de alta cualificación cunha traxectoria profesional de máis de cinco anos. E, finalmente, está o Ignicia, que favoreceu a creación ou mantemento de máis de 120 empregos grazas ao apoio a proxectos de investigación con potencial de chegar ao mercado. Ademais, os programas de apoio predoctoral e posdoctoral suman este ano 175 contratos.