Faleceu Manuel Vecino, alma do fútbol en Coristanco

La Voz

FUTBOL GALLEGO

BASILIO BELLO

En 1979 foi socio fundador do club, co que colaborou en todo o posible durante 44 anos

02 ago 2025 . Actualizado á 18:27 h.

O corazón do SD Coristanco deixou de latexar esta madrugada. Aos 83 anos falecía Manuel Vecino Senra, socio fundador do club de fútbol na tempada 1979-1980 e home para todo desde entón. Empezou, xunto a outros veciños, levantando A Rocheira para logo ser alí omnipresente. Foi presidente durante dezanove cursos, pero tamén atendeu ao despacho de billetes, pintou as demarcacións do terreo de xogo e atendeu ao que o precisase. E, sempre, cunha amabilidade e paixón que acabou por gañarse o respecto e o cariño de todos os seus paisanos e do fútbol da Costa da Morte en xeral. Todo iso compaxinouno co seu traballo como electricsita autónomo. 

Así o reflectiron a cantidade de mensaxes que se vertían onte polas redes sociais enxalzando a súa figura e chorando a súa perda. E é que, nestes tempos de polarización, o pleno do Concello de Coristanco foi unánime cando decidiu porlle o seu nome ao campo de fútbol. Xa antes, a Real Federación Galega premiáralle co trofeo por «Toda unha vida» dedicada ao SD Coristanco. Ademais, o pasado mes de decembro, Manolo destapou unha placa que para sempre o lembrará na súa casa, o Campo Municipal Manuel Vecino Senra. Alí, rodeado doutros catro socios fundadores e do primeiro adestrador do club, Antonio Moreira, mostrouse tremendamente emocionado e congratulouse dos éxitos cultivados, lembrando xestas como «aqueles catro goles que metemos en Camariñas na final dá Copa dá Costa» ou o histórico 32-1 que materializaron ante o Carnota. «Temos unha marca a nivel estatal por ese partido», comentou entón a La Voz.

O Concello de Coristanco describiuno onte nun comunicado do seguinte xeito: «Non foi só un referente no fútbol local, senón un exemplo de compromiso, traballo e amor polo deporte e polo seu pobo. A súa pegada vai máis alá do terreo de xogo: simboliza o que somos como comunidade, a forza do colectivo, o orgullo de ser de Coristanco e a importancia de manter vivas as persoas que fixeron posible o que hoxe temos».

Manuel Vecino deixa viúda, María del Carmen Fernández López; tres fillas, Marisa, Eva e María, e dous netos, Anxo e Xoán, que herdaron ese fermoso vínculo que el tiña co SD Coristanco e que pervivirá para sempre nun campo que xa é seu. É o terceiro falecemento dunha triste semana para o fútbol comarcal, que xa despediu estes últimos días a Juan Villamisar e a Manuel Martín.

O seu corpo está a ser velado na sala 3 do tanatorio de Coristanco e o funeral será mañá, domingo, ás 17.45 horas na igrexa parroqual de Santa María de Traba.