Perú, sobre a súa saída do Arousa: «Non sei por que a directiva me cesou. Ninguén mo dixo»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

MARTINA MISER

O xa exadestrador do primeiro equipo vilagarcián di que Lemos o chamou para pedirlle desculpas tras publicarse en La Voz o pasado venres que o club tentaba a súa fichaxe sen telo informado antes a el

28 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Perú pasou en menos de dous meses da satisfacción do recoñecemento ao seu traballo á fronte do primeiro equipo xuvenil do Arousa, a pasar o duro trago de verse cesado pola directiva de Manolo Abalo tras só seis partidos á fronte do conxunto de Terceira, saldados con tres triunfos, un empate e dúas derrotas. Un golpe endurecido pola falta de explicacións que, lamenta, se lle deron pese a súa entrega ao club. 

—Cando e como coñece que o Arousa quere prescindir de vostede coma adestrador do primeiro equipo?

—Ben. Polo que teño entendido, despois do partido do Barbadás, o martes da semana pasada fan unha reunión da comisión deportiva do club, e aí deciden que o mellor é buscar unha alternativa para o banco.

—Descóbreo por terceiros entón?

—Cando sae a información o venres na prensa sobre Lemos —La Voz de Galicia informou ese día de que «El Arousa prepara la cita ante el Valladares con Lemos en la recámara»—, desde o club coméntanme que houbo unha reunión da comisión deportiva, que estaban valorando alternativas por se os resultados non acompañaban e tiñan que valorar cambiarme a min.

—Infórmano entón a raíz da publicación dunha noticia, tres días despois da xuntanza na que se toma a decisión?

—Si. O venres adestrei, e Dani Abalo —o director deportivo do club— coméntame a noticia, eu non a vira, e dime iso, que sondaron a posibilidade doutros adestradores por se houbera que facer un cambio. Despois do adestramento, Lemos chámame para dicirme que se puxeran en contacto con el, pero que non tiña nada firmado nese momento, e desculpouse porque non era grato verse nunha situación coma esta e porque puidera parecer unha falta de respecto. Eu agradecínlle a súa chamada, pero se o chamaron, el tampouco ten responsabilidade ningunha.

—Como valora a decisión do club?

—Ben. Verdadeiramente, agora mesmo, non sei cales son os argumentos para tomar a decisión, porque non se dirixiron a min para dicirme que fose por unha cousa ou por outra. Gústalles Lemos, un adestrador con máis experiencia, con outro nome e estatus. Sería polo partido do Barbadás, pola dinámica e polos resultados… O certo é que eu non sei por que a directiva tomou a decisión.

—Despois do esforzo que o club lle pediu facer para poder compaxinar o seu traballo coa dirección do primeiro equipo, síntese enganado?

—[Breve silencio]. Moita xente di que no fútbol pasan estas cousas. Eu sigo confiando en que o fútbol é un deporte marabilloso, e que é a xestión humana a que ás veces leva a estes malos momentos. Onte —polo mércores— foi un día complicado, pero hoxe volveu saír o sol. Quedo co fútbol. O Arousa deume moito e teño que poñer todo o positivo por diante do que pasou o día de onte —mércores—.

—Que pasou o mércores?

—Levei a sesión cando a idea era que xa adestrase Lemos. Non puido levala porque inda non rematara de resolver o tema do seu traballo e pedíronme se a podía dirixir eu. E por compromiso co club, unha vez máis antepuxen o ben do club e do equipo á miña situación persoal. Outra das cousas que reforzan o traballo é o compromiso dos xogadores. Quedo co traballo e co compromiso que demostraron cada día. Unha das cousas que buscabamos era empezar a mellorar o rendemento individual. E que algún dos xogadores estean agora ao nivel que están é o premio que me levo a ese traballo.

—O presidente e o director deportivo do Arousa dixeron na presentación de Lemos que queren seguir contando con vostede no club. Quere vostede continuar, ou xa ten decidido que a súa etapa no Arousa finalizou?

—Mañá —por hoxe— seguramente nos reunamos. Creo que non houbo confianza en min na situación do primeiro equipo, iso está máis ca claro, pero si que mentres estiven na base, a confianza no meu traballo foi boa, iso quero agradecelo. Falaremos. A xente coa que estamos traballando na base, Pedro e todos os técnicos, están facendo un esforzo enorme, e non me gustaría tampouco deixar esa calidade humana por esta situación. Sempre e cando a predisposición do presidente como a de Dani (Abalo) sexa o de valoralo nestes termos, creo que temos que diferenciar unha cousa doutra.