00031714044269985269345
00031714044269985269345

Balaídos será o escenario do Galicia-Panamá

LA VOZ VIGO

FUTBOL GALEGO

Óscar Vázquez

A RFGF anunciou o estadio onde se celebrará a cita que significa o regreso da Irmandiña oito anos despois

25 abr 2024 . Actualizado ás 13:31 h.

A Real Federación Galega de Fútbol confirmou que o partido da selección galega ante Panamá do próximo 31 de maio celebrarase no estadio de Balaídos , que este venres será escenario da presentación oficial do vigués Diego Martínez como seleccionador da Irmandiña. «A casa do RC Celta será a sede que acolla o partido do combinado que dirixe Diego Martínez grazas ao importante apoio do Concello de Vigo e do propio RC Celta. As dúas institucións puxéronse ao dispor da RFGF para a celebración desta cita tan importante para o fútbol galego e amosaron o seu total apoio á selección galega no seu regreso aos terreos de xogo», expresa a Federación a través da súa páxina web.

A RFGF destaca que o obxectivo deste partido é que sexa «un día grande, a festa de todo o fútbol galego». «Un día histórico no que poidamos sentirnos orgullosos dos nosos futbolistas, dos nosos clubs e do noso deporte en xeral», engaden para logo sinalar que o equipo contará, «probablemente, co mellor plantel da historia do fútbol galego», encabezado polo capitán do Celta , Iago Aspas, e o do Deportivo, Lucas Pérez. «Unha gran selección que confiamos conte cun amplo respaldo nas bancadas o próximo 31 de maio», proseguen.

Desde un primeiro momento, a estadio vigués soou como principal opción para albergar o encontro que significa a volta do combinado autonómico oito anos despois, xa que a cita anterior xogouse en Riazor no ano 2016 sendo Venezuela o adversario. Iago Aspas adiantou a Galicia, que adestraban Fran e Míchel Salgado, e Josef Martínez, no tempo engadido, empatou para o combinado latinoamericano. Participaron naquel encontro co combinado galego Sergio Álvarez, Diego Mariño, Jonny, Pape Cheikh, Hugo Mallo, Álex Bergantiños, Angeliño, Fran Rico, Juan Domínguez, Pedro Mosquera, Iago Aspas, Denis Suárez, Diego Alende, Jota Peleteiro, Joselu e Lucas Pérez.

Tamén hai un precedente da Irmandiña xogando en Balaídos nun accidentado partido ante Camerún que finalizou con empate a un gol. Foi no Nadal do ano 2007. Dezasete anos despois, a selección galega volve ao feudo do Celta .