Pablo Couñago: «Por sorte, nacín con xene gañador»

Míriam Vázquez Fraga VIGO / LA VOZ

FUTBOL GALEGO

Pablo Couñago
Pablo Couñago Abraldes

Sempre quixo ser profesional do fútbol e coñecer mundo con el, leva 20 anos facéndoo

20 may 2018 . Actualizado ás 23:29 h.

A paixón polo fútbol que se desprende de cada palabra que pronuncia Pablo Couñago (Redondela, 1979) é a mesma que pospuxo a súa decisión de colgar as botas. Camiño dos 38, aquel rapaz que debutou co primeiro equipo do Celta aos 18 anos medita se este curso, no Choco, será o último en activo. Entre medias o deporte levou ao mozo que cegou como Bota de Ouro do Mundial sub-20 de 1999 a Inglaterra, Finlandia, Hong Kong e Vietman.

-En que época foi máis feliz xogando ao fútbol?

-Case sempre. De rapaz, porque gozas toda cunha paixón enorme sen pensar en nada máis; na mocidade, o momento en que loitas por dar o paso a ser profesional e ves que se achega. Tamén foi especial todo o que veu despois. Probablemente ese momento entre o Celta B e o primeiro equipo, compartindo vestiario con xente que para min era unha referencia, foi a máis bonita.

-Vese un pioneiro como español na Premier?

-Si que fun un dos primeiros. Estivera Ferrer no Chelsea e Marcelino no Newcastle, pero por mor de ir eu chegaron outros como Iván Campo ou Hierro .

-Foi duro dar o paso?

-Si, porque no Celta estaba onde quería estar: o meu equipo, a miña casa, en competicións europeas... Pero doutra banda tiña oportunidades mínimas. Así que o difícil que era polo lado de deixar a miña zona de confort e todo o bo que tiña, facíao doado ver que non contaba co respaldo do club para seguir. Foi a mellor decisión que puiden tomar.

-Tras aquela Bota de Ouro no Mundial, creu que as cousas ían ser máis doados?

-Non pensaba nin que fose difícil nin doado. Pasei de Casa Paco ao Celta e alí subín de cadetes ao B sen pasar polo xuvenil. Pero tiña na cabeza xogar, dar o mellor de min para chegar a ser profesional. Ao final son os adestradores os que van decidindo sobre o teu futuro. Dei grandes saltos na miña carreira e logo as cousas complicáronse, pero sempre o entendín como algo natural.

-En que se diferencian o Pablo dos comezos e o actual?

-Fisicamente cambiei moito, e o que perdes aí valo tratando de suplir cos conceptos técnicos e tácticos que has ir adquirindo. Mentalmente sempre fun forte e iso foi o que me fixo futbolista: a miña convicción, a miña cabeza, querer ir sempre ao límite dando o mellor de min.

-É moi diferente dentro e fóra do terreo de xogo?

-Moitísimo. Para o deporte tiven a sorte de nacer con xene gañador que me facía discutir e protestar e que aínda que nalgúns momentos me prexudicou, tamén ía unido ao afán de querer superarme. Fóra son distinto, moi tranquilo, ata parado. Gozo das cousas simples.

-Que borraría da súa carreira?

-¡As expulsións! Tiña un carácter difícil, facía bobadas e logo viña o bajón no vestiario no momento no que che dabas conta de que acababas de deixar ao equipo cun menos e perdíasche o seguinte partido. E tamén decisións que tomas e que queda a dúbida.

-Por exemplo?

-Estando no Ipswich en Segunda tiven ofertas de Swansea e Brighton, pero estaba gusto e quedei. En poucos anos os dous ascenderon e pensas que puideches estar aí. Pero no Ipswich foron anos marabillosos, a mellor decisión que tomei.

-Foi Inglaterra o país que máis lle marcou?

-Sin duda. Aínda que o fútbol español sexa moito mellor que o inglés, tanto a nivel individual como colectivo, a nivel de clubs, estrutura, organización e o xeito especial que teñen de vivir o fútbol, está por amais de ningún outro país en que teña estado.

-Que recordos garda de Vietnam e Hong Kong?

-¡A vida caótica! Podían estar na praia ás seis da mañá ou durmindo ás tres da tarde coma se fose de madrugada. Unha desorde que tamén se daba a nivel futbolístico, con cousas sen sentido como que os que non xogaban íanse á cafetería a tomar unhas cervexas. Chocaba, pero había ir a iso, a buscar experiencias.

-Sempre tivo claro que o seu futuro estaba tarde ou cedo en Galicia?

-A miña muller e eu sempre estivemos de acordo en que mentres durase o fútbol queriamos aproveitalo para coñecer mundo. Nunca se sabe. Podemos volver acabar fóra de España, estamos acostumados e somos cus inquedos, pero temos claro que como en Galicia, en ningún lado. Quen vivimos aquí somos uns privilexiados.

-Que se lle pasa pola cabeza a favor e en contra de retirarse?

-En contra, que son masoca, ségueme encantando o fútbol e ademais, son doado de convencer. Insístenme en que aínda podo achegar sen estar ao meu mellor nivel. A favor de deixalo, que ao corpo lle custa cada vez máis. En dous ou tres semanas decidireino.

-Quería que fóra no Choco.

-Si, o meu pai, que morreu repentinamente cando tiña nove anos, xogou aquí e sempre o tiven presente durante toda a miña carreira en cada cousa boa que me pasaba. É especial retirarme neste club.

 A Couñago o deporte apaixónalle máis aló do fútbol. E á parte de celtista e seguidor doutros dos seus exequipos, declárase afeccionado da SAR de Redondela de balonmán.

-Que afeccións ten fóra do fútbol?

-Series e calquera deporte no que haxa que correr detrás dunha pelota: baloncesto, bádminton, pádel, tenis, volei... O que sexa.

-De que equipos considérase afeccionado?

-Casa Paco, Celta , Choco, Ipswich... ¡Agardo non deixarme ningún!

-Todos nos que xogou?

-¡Non, non, só eses!

-E doutros deportes?

-A SAR de Redondela.

-Algún deportista que admire fose do fútbol?

-Rafa Nadal.

-E cales foron os seus primeiros ídolos futbolísticos?

-Fixeime moito en Stoichkov e Cantoná, e iso que non era do Barça. Máis adiante no fenómeno Ronaldo, o mellor dianteiro ao que vin xogar.

-Messi ou Cristiano ?

-Sin duda, Messi. A Cristiano hai que recoñecerlle como se superou e todo o que conseguiu sendo peor.

-Cales son os mellores futbolistas que tivo ao lado ou en fronte?

-Ronaldinho na selección brasileira sub-20 pareceume espectacular. Tamén Henry na época do Arsenal. E contra Ronaldo xa non era como na súa época do Barcelona, pero para min era impresionante.

-O seu gol máis especial?

-Os do Mundial, e un de tacón que me lembran moito en Inglaterra. Todos os que serviron para sumar.