Artur Puga, profesor itinerante de baile galego: «A muiñeira é o único ritmo orixinariamente galego»

carmen ferreiro / s.f.

FUGAS

Artur Puga nun obradoiro na reitoral da Chaira, en Ourense
Artur Puga nun obradoiro na reitoral da Chaira, en Ourense Sonia García

O bailarín que colaborou con Tanxugueiras defende a música tradicional galega cunha escola que chega a Madrid e Barcelona

12 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende ben pequeniño, Artur Puga (A Guía, Vigo, 1997), medrou rodeado dunha familia que tocaba e bailaba ao ritmo da muiñeira por paixón. Con tan só 12 anos e case unha década de antigüidade nun grupo folclórico, descubriu cara a onde quería dirixir o seu futuro profesional: o mundo da música tradicional galega. Comezou a facer recollidas, a rodearse de xente da que aprender, como o seu profesor Xisco Feijoo, e os camiños da vida levárono a dar a súa primeira clase no seu barrio, A Guía. Dende o momento no que pisou aquela aula quedou namorado: «A día de hoxe podo dicir que é a parte que máis me gusta e pola que me desvivo. Dende o primeiro día que din unha clase namoreime, flipoume ese traslado de información á xente». Seisporoito é o nome que recibe o primeiro proxecto do mozo vigués, unha iniciativa que aglutina todos os seus intereses nunha escola itinerante dedicada á ensinanza da cultura, a música e o baile galego. «É como eu quero facer as cousas ao cen por cen», di el.

­—Que é Seisporoito?

—Eu sempre digo que a miña forma de ver o mundo é Seisporoito, que xunta a parte da docencia profesional da cultura cun espazo para compartir e divertirse onde intento cada vez máis que haxa máis xente que se dedica tamén a isto achegando cousas, non só ao nivel de traballar, senón ideas, opcións... Empezamos a abrir un pouco o paradigma de traballar en diferentes eiras: para a Administración, en coles e institutos, dar as nosas propias aulas, xerar formacións propias...

­—E de onde vén o nome do proxecto?

—É o compás a nivel musical da muiñeira, un compás bastante raro. A muiñeira é o único ritmo orixinariamente galego e que se teñen certezas de que comezou aquí. Parecíame unha alusión bastante chula.

—Que che fixo decidirte e dar o paso para levalo a cabo?

—Ter a seguridade de que podía defender unha idea. Agora levo moitísimos anos dando clase, pasaron por min centos e centos de alumnos, a xente xa recoñece e coñece o meu traballo. Pensei que era o momento de plasmar todo o que sinto, algo un pouco máis a xeito, de forma seria.

—Que valor ten o feito de ser unha escola itinerante?

—Ese é un dos puntos clave. Creo que cada vez máis penso que o mundo e os espazos físicos xa están rotos. Hoxe en día, moverse e venderse en calquera espazo do mundo é supersimple, a través de moitas formas. Entón, eu creo que apostar por montar unha escola sen ter un sitio físico, un local, xa non era a miña forma de facer. Defendo e aposto polo mundo rural e creo que unha das cousas que temos que facer para que non morra é darlle servizos. Para min non hai mellor servizo que ir alí a ofertar as nosas actividades. Non me tiña moito sentido ter un espazo físico nun sitio concreto. Apetecíame que estivésemos a movernos todo o tempo por onde fixese falta. É un concepto itinerante neste sentido.

—Por onde irás movéndote co baile? Na túa web sinalas que irás a sitios como Madrid ou Barcelona.

—En Galicia imos ir a moitos sitios nos que eu xa daba clase. Iso é como reciclar un pouco eses espazos. Tamén acollemos propostas. Eu non estou buscando constantemente espazos onde ir, pero se de repente me chaman para ir a un sitio, valoramos a viabilidade e intentamos cumprir esa demanda por todos os medios. Si que é certo que me interesaba tamén levar todo isto fora de aquí. Levo xa dous anos en Madrid. Este será o segundo en Barcelona e estamos pensando en aterrar en Bilbao. Considero que está ben o dar servizo aquí, pero tamén sabemos que hai moitas persoas galegas fóra de Galicia, moitísimas. Apetecíame arriscar.

—Encargaraste ti da docencia en todos os sitios?

—En case todos. De feito, calquera que poida entrar na web vai ver que non hai un profesor en cada clase. Nós somos un equipo docente. Eu quero xerar xente que se queira dedicar a isto. A miña idea é que poidamos defender todos os horarios e os sitos un pouco en función da posibilidade de cada quen.

—Pensas que estamos nun momento de «boom» da cultura e da música en galego?

—Eu creo que o boom xa pasou. Agora mesmo hai unha morea de asociacións e un morea de xente que está sustentando ese boom. Hai modas que son pasaxeiras e outras que quedan, creo que nós crecemos moi rápido e agora estamos conseguindo planear esa baixada porque aquí o tecido cultural é enorme, somos envexados en todas partes fóra de Galicia e penso que estamos agarrándonos moi ben sen necesidade de ningunha moda.

—Que che gustaría poder ter conseguido dentro dun ano?

—Encantaríame poder ampliar matrículas todo o posible, pero sobre todo o que me gustaría é que o Seisporoito empece a ter un espazo real no imaxinario da xente en Galicia, que a xente teña claro que está aí, que pode vir todo o mundo e que é unha iniciativa global.