Estar en setembro

Diego Ameixeiras

FUGAS

EFE / eliseo trigo

12 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño unha querenza irracional por setembro, un dos meses máis repudiados do calendario. Os amores profundos son misteriosos, rabiosamente antagónicos, disparatados. Non se explican con palabras algunhas militancias. Supoño que me atrae a súa natureza de entretempo, esa doce ambigüidade de ser unha ponte levadiza entre o verán que non acaba de morrer e un outono que se mantén á espreita, axexando detrás da porta. Septiembre, unha das cancións emblemáticas de Los Enemigos, recrea as fatídicas sensacións dun adolescente que decidiu rematar coa súa vida, alá por 1990; un caso real que Josele Santiago, o seu compositor, leu daquela na prensa. «Ya es septiembre y yo no voy a estar / en septiembre». Aínda que refire un suceso terrible, non podo evitar que a súa letra me traslade a uns anos de plenitude e amplas nebulosas, onde se me aparecen amigos incorruptibles aos que hai moito tempo que non vexo. E sempre que a escoito de novo, entre os lategazos da nostalxia e o desconcerto pola aceleración dos anos, consigo que se renove a miña estraña inclinación por setembro. Que lle vou facer. Gústanme as contraccións de setembro, gústame o aire que rehabilita setembro, gústame este retorno calado de setembro. Téñolle lei ao seu rango de mes que obriga a repregarse na rutina, nos convenios monacais da casa, na suave reconquista das cousas simples. Gústame, aínda que non debería ser así. O meu pai faleceu hai agora quince anos, nun setembro cruel que me deixou medio somnámbulo durante unha longa tempada, o habitual despois dese tipo de terremotos. Pero nin un episodio tan difícil —recuperar o equilibrio na salvaxe tectónica da morte— conseguiu desvencellarme das facultades que lle presupoño a este mes vertical, fabuloso. Establecemos interminables diálogos cos que partiron. Ao principio pedímoslles explicacións, máis tarde interrogámolos por aquilo que non soubemos preguntarlles en vida, logo acostumámonos a conversas triviais, mesmo ao comentario político de actualidade. Manteño informado cada día a un señor de Ourense que emprendeu unha viaxe demasiado prematura no áspero 2010. Veño de trasladarlle agora mesmo os últimos horrores do xenocidio en curso, o encoraxamento crecente dos fascistas, esta impresión de presente roto, esta atmosfera de desesperanza, esta perplexidade que non parece ter fin. Confirmeille, a pesar de todo, que sigo querendo estar en setembro.