Amor a don Ricardo: «Un home excelente»

FUGAS

O primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas da USC, Ricardo Carvalho Calero.
O primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas da USC, Ricardo Carvalho Calero.

A memoria do novelista, dramaturgo, poeta e investigador Carvalho Calero renace cuns premios no seu Ferrol natal

12 sep 2025 . Actualizado a las 16:17 h.

Pola odisea do desterro tivo que pasar o gran profesor Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 - Santiago de Compostela, 1990). Ata tal punto que non podía asinar as notas dos seus alumnos cando era director (de forma extraoficial) nun colexio privado en Fingoi (Lugo). Alí permaneceu quince anos, entre 1950 e 1965, castigado polo franquismo que xa o condenara a prisión e o inhabilitara por ser voluntario no exército da República. Pero a pesar de toda a censura e da represión, dun silencio sobre a súa obra que mesmo chegou ata a democracia, a súa pegada foi tan forte que por Carvalho Calero existe unha auténtica paixón en Galicia. Agora o Concello de Ferrol, a súa cidade natal, reivindicará a súa memoria coa convocatoria de dous premios: un de investigación lingüística e outro de creación literaria. Para o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, que coñeceu e admirou xa en vida a Carvalho Calero, «el era un home excelente, tan serio como divertido, culto e educado».

A recuperación destes dous premios por parte do Concello era unha obsesión persoal do concelleiro de Cultura, nove anos despois da súa última convocatoria. Para Ponte Far, escritor e profesor xubilado, «esta convocatoria ten unha dobre importancia». A primeira pasa por «recordar e homenaxear o nome de don Ricardo Carvalho Calero, un dos personaxes literarios máis importantes que deu Ferrol xunto con Gonzalo Torrente Ballester e Benito Vicetto, sobre todo os dous primeiros figuran á cabeza dos escritores en galego e castelán». E a segunda importancia radica «nun premio que incentiva, anima e promove tanto a literatura como a investigación en galego, non estamos sobrados de oportunidades para amosar a novos escritores e investigadores». Recorda ademais Ponte Far que este autor e investigador agora homenaxeado, gran pensador do reintegracionismo, «era un home que non alcanzou na cidade e en Galicia, pese a dedicarlle o Día das Letras Galegas no 2020, o mérito e o prestixio que sen dúbida lle debían». O primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, tamén primeiro catedrático en Galicia, «era un bo poeta, un bo novelista, un interesante dramaturgo e un polígrafo enorme, un investigador e lingüista de primeira liña, cunha serie de grandes méritos non suficientemente recoñecidos en Galicia... e Ferrol debe estar na loita da reivindicación».

Célebres foron os silencios dedicados a Carvalho Calero pola Real Academia Galega. «O reintegracionismo foi moi mal visto polo oficialismo galego e pola propia Academia, aínda agora a Academia o tolera daquela maneira; pero don Ricardo tiña toda a razón histórica, o portugués separouse do galego cando obtivo poder político, pero ata entón formaron unha mesma lingua que se falaba ata o río Douro, é cientificamente demostrable... en cambio, tivo inmerecida fama de distorsionador do galego», continúa Ponte Far.

Cada unha das modalidades dos premios Ricardo Carvalho Calero está dotada con 4.000 euros e a publicación das obras gañadoras. Terán que estar escritas en lingua galega e con liberdade normativa. O prazo de presentación finaliza o vindeiro 30 de setembro. Na investigación lingüística ou ensaio os traballos terán unha extensión mínima de cen páxinas e máxima de 250, e na creación literaria entregaranse narracións curtas ou un conxunto de contos cun máximo de 60 páxinas. Recalca o concelleiro de Cultura que teñen o prestixio dunha ría con poetas como «Prado Nogueira, Xohana Torres ou Vicente Araguas».

Terra de poetas

Ponte Far admite a súa gran implicación neste proxecto: «Desde que cheguei á Concellería tiña a idea de volver dar vida a este premio que se celebrou ata o ano 2016 e deixouse de facer ao seguinte, non é de recibo que unha cidade como Ferrol que apoiou tanto a Torrente non faga o mesmo con Carvalho Calero... porque el tamén é importantísimo». Por el sentiu simpatía e admiración. «Non foi profesor meu, pero coñecino na facultade, trateino e comía con el cando viña ao instituto a dar conferencias; era un home correctísimo polo que sentía aprecio», di.

E os que tiveron a sorte de coñecelo celebraban «as súas frases agudísimas cun sentido de humor moi ferrolán, cunha ironía típica de aquí. E, sobre todo, era moi traballador». Foi novelista, poeta, escritor, dramaturgo, investigador: «E fixo todo ben pese as condicións pésimas desde a Guerra Civil, estivo dous anos e medio no cárcere (condenado por separatista e pechado nunha prisión de Jaén), cando saíu acabou de conselleiro delegado (pois non estaba autorizado a ser director) en Fingoi». E, a pesar das circunstancias tan difíciles da ditadura, «saiu adiante un investigador extraordinario».