Volver a Seraogna

Ramón Nicolás

FUGAS

05 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nuns meses celebrarase o 50.º aniversario da publicación de Seraogna, de Alfonso Pexegueiro, baixo o selo de Rompente. Medulia reedítao agora nunha proposta prologada por Paula Domínguez e que incorpora unha versión castelá do libro e algúns pormenores novidosos.

Non cheguei a este célebre monumento poético na data da súa publicación orixinal, isto é, naquel 1976 cando este volume se adoita sinalar como responsable, xunto con outros, para o cambio de rumbo que se operou na poesía galega naquela altura. Foi o seu terceiro libro, Circos de auga (Akal, 1979), o que me facilitou internarme pola súa estética e sorprendeume, daquela, a súa frescura e orixinalidade: dono dunha voz cunha modulación distinta, resplandecente e inimitable, e non só por incluír a célebre sentenza que reza «pra que queredes un poeta vivo / se non sabedes que facer co el; matádeo e celebraille as pompas».

Dito isto, fóra de ir visitando algúns poemas do libro inseridos en antoloxías diversas, ao falarmos deste libro cómpre sinalar a fantástica, por traballada e rigorosa, edición que se realizou baixo a man do profesor Luciano Fernández Martínez (Xerais, 1997), responsable dun traballo introdutorio aínda esencial pois desvelou nel moitas claves e ángulos ocultos do libro, alén de ofrecer unha interpretación ponderada e sintética dos valores que atesoura a peza do autor ponteareán; voz que, todo hai que dicilo, segue a estar sometida a un ostracismo certamente inexplicable.

O escritor e divulgador cultural Manuel López Foxo cualificaba no seu día a Pexegueiro como un altísimo poeta e non podo estar máis de acordo. De feito, afirmar algo novo sobre este libro pódese entender como pretensioso pois subliñado está, e con rigor, o seu afán rupturista e a inspiración innovadora de conceptos que recrea como patria, erotismo ou liberdade; a ollada pioneira que repousa na visión do erotismo, do amor ou da natureza e mesmo a vontade claramente subversiva que se encerra na linguaxe do libro. Con todo, cada vez que o abrimos e nos deixamos abrazar por el, agroma esa rara virtude que revela irisacións e detalles que non se agardaban. Por todo isto, e por máis razóns, cómpre volver a Seraogna.