Eva Cameán, a libreira de Carballo que triunfa no TikTok: «Danme moita caña por utilizar o galego»
FUGAS

Con só 26 anos fíxose cunha libraría e cos seus vídeos na rede chega a todo o mundo. «Sorprende que te sigan en Suíza», confesa
05 sep 2025 . Actualizado a las 09:58 h.Poucas libreiras están dando hoxe tanto lector e tanta vida á literatura en galego como Eva Cameán (A Brea, Carballo), que leva case toda a vida a medrar entre historias de ficción. Con 30 anos, triunfa entre lectores de todo o mundo grazas á defensa da lingua día a día e post a post, ao seu olfacto literario e á oportunidade de expandirse que dan as redes sociais.
Eva revela que sempre foi unha nena apaixonada da lectura. De cativa, non había noite sen libro antes de durmir e os camiños da vida fórona levando a rexentar a súa propia libraría, Clarión, en Carballo, que medra en popularidade e afección. Para ela, algo tan sinxelo como colocar a mercancía é xa un luxo: «Abrir unha caixa de novidades é como se estivese abrindo regalos para min mesma». Hai catro anos que se puxo á fronte deste proxecto e dende aquela houbo moitas boas novas para os amantes da lectura: un club de lectura presencial e outro online, presentacións de libros, debates e ata charlas divulgativas sobre a fauna e flora da contorna.
—Sempre fuches libreira?
—Foi o meu primeiro traballo estable. Só estiven nesta libraría, vivín os seus comezos porque os meus antigos xefes non eran de Carballo e desde o primeiro momento xa contaron comigo. Con eles estiven tres anos e pico, decidiron que non querían seguir e eu tomei a decisión de quedar con ela, pero con outro nome: libraría Clarión. Foi unha decisión difícil, eu estudara integración social e cambiei o meu futuro con 26 anos. Púidome a ilusión e o feito de poder seguir descubrindo un mundo que me gustaba moito.
—Como comezaches a abrirte camiño nas redes sociais?
—A libraría xa tiña redes, o que non facía era vídeos de cara. Chegou un momento no que me din conta de que a forma de chegar á xente é que te vexan, entón un día deume por subir un vídeo de ideas de libros infantís para unha viaxe en coche con nenos, co gallo de que se acercaba unha ponte festiva, duraba un minuto e a partir de aí collinlle o gusto. Se empecei en febreiro, en xuño xa notaba que había xente que viña á libraría a raíz dos vídeos. Foise facendo unha bola de neve cada vez máis grande que está afectando moi positivamente á libraría.
—Tes algún «influencer» que para ti sexa unha especie de guía?
—A miña querida Elena, de Vigo de Papel. Fai os vídeos en castelán, pero fala moito de libros en galego. Empezamos ademais ao mesmo tempo, entón somos inspiración unha para outra. Pasámonos moitísimas ideas e non hai competencia ningunha, de feito, temos unha amizade enorme grazas a isto das redes. Desde que nos coñecemos non hai día que non falemos, converteuse na miña mellor amiga.
—Inflúe a túa lingua á hora de divulgar contidos? Axuda ou limita?
—Danme moita caña por utilizar o galego pero é que eu o falo sempre, non falo nunca castelán salvo que sexa para comunicarme con alguén que non me entende. Cando comecei, dirixíame a un público local, a xente da contorna, pero sorprende que te sigan en Suíza. Hai moita xente que me di: «Empecei a ler en galego por ti».
—Cal é o tipo de xente que adoitas ter como cliente na libraría?
—Cando a librería naceu estaba especializada en libro infantil e álbum ilustrado, entón o público que máis tiña eran familias con nenos. Desde o ano pasado, que foi cando empezou o tema das redes, animouse un público máis adulto. Agora mesmo estase revertendo a balanza. Antes o que vendía era un 80 ?% de cousas infantís, e o resto, contido para adultos, agora o que máis vendo é libro de adultos. Os adolescentes veñen como en rabaños, de súpeto entran e tes 15 adolescentes dentro da libraría!, sobre todo o venres pola tarde.
—Que autor destaca esta tempada na libraría en vendas?
—Desde hai un par de meses temos no top de vendas a Rober Cagiao coa Dama de Amboto, desde que saíu non baixou do número 3 de vendas semanais. Pedro Feijoo tamén está vendendo moito con Onde nacen as bestas e o mesmo lle pasa a Arantza Portabales con O asasinato na casa rosa.
—Que libro lle recomendarías a unha persoa que non fale en galego, para que comece a poñerse con ganas?
—Si que é verdade que hai libros que ao mellor pola temática se fan máis difíciles de ler en galego por certo vocabulario que poidan empregar. Eu non recomendo novelas que sexan moi densas. Algo lixeiro, como Golpes de luz, de Ledicia Costas, ou Made in Galiza, de Sechu Sende. Ao final o que máis recomendo é literatura xuvenil e cousas de relatos. En todos tes que ter un mínimo control da lingua.